A única catedral con exposición permanente do santo

A Basílica maior de Lugo goza deste privilexio dende polo menos o século XV.
A única catedral con exposición permanente do santo

En Lugo o Santo Sacramento está exposto na Catedral día e noite e sen interrupción dende fai polo menos seis séculos. A Basílica maior da cidade ostenta este excepcional privilexio, é dicir, durante as 24 horas o Corpo de Cristo permanece custodiado no altar por unha chama sempre acendida e un grupo de fieis adorándoo. Esta é a razón pola que se coñece a Lugo como a Cidade do Sacramento e no propio escudo lucense se le: Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur ("Aquí profesamos firmemente este misterio de fe").

Esta adoración é de orixe imprecisa. Entre os investigadores remontouse mesmo ata os primeiros anos do Cristianismo. Para o historiador Xaime Delgado, que estudou longamente esta tradición, non hai probas de que fose anterior aos comezos do século XV. "Está todo entre tebras -afirma- pero é probable que o inicio da exposición permanente de Cristo en Lugo se sitúe arredor do ano 1400". Delgado basea a súa teoría en dous feitos: subliña por un lado que no antigo retablo maior de Cornelis de Holanda de 1535 aparece xa o orificio para colocar a Eucaristía. Por outro lado, a mediados dese século XVI, visita Lugo Ambrosio de Morales, o cronista enviado por Felipe II, quen afirmaría logo ter visto ese culto permanente ao Sacramento, que nin os máis vellos sabían datar a súa orixe. Uns tres séculos antes, nun documento sobre a raíña dona Urraca fálase xa dun culto especial en Lugo á Divindade pero nada se concreta sobre a Eucaristía", matiza o arqueólogo lucense.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

818 lecturas