A primeira torre con reloxo de España

A Berenguela, de 72 metros de alto, é famosa polas súas graves badaladas.
A primeira torre con reloxo de España

Se algún son é coñecido en Compostela ese é o das badaladas graves da Torre da Berenguela (mandouna levantar o arcebispo de Compostela Berenguel de Landoira), en plena praza da Quintana. Otero Pedrayo afirma, na súa Guía de Galicia de 1926 que "a campá do seu reloxo mide con son incomparable, grave e fermoso, o tempo de Santiago". A Torre do Reloxo (tamén é denominada así), ópera prima do arquitecto santiagués Domingos de Andrade, é unha mole de granito de 72 metros de altura que efectivamente rexeu durante séculos a vida urbana e a de todo o contorno santiagués.

O primeiro reloxo foille colocado en 1522. Estamos, polo tanto, diante da primeira torre con reloxo de España e probablemente unha das primeiras de Europa. Moitos anos despois, en 1831, tróuxose outro aparato construído en Ferrol, feito por Andrés Antelo. A campá da torre, de dous metros e medio de diámetro, estaba considerada como unha das mellores do mundo, pero perdeu o seu son orixinal e foi trasladada ao Museo Catedralicio, onde hoxe se pode contemplar repousada e calada na súa inmensidade. Fora fundida en 1729 por Pedro de Güesmes.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1164 lecturas