O templo máis antigo do camiño de Santiago

No Santuario do Cebreiro (século IX) venérase o lendario cáliz do Santo Grial.
O templo máis antigo do camiño de Santiago

O Cebreiro é unha coroa de neve, unha película de Capra, un pórtico galaico para o Camiño Francés, o cumio onde ten a bruma o seu berce, o reino da lousa, a memoria castrexa das cabanas de antes, moito antes, dos romanos... O Cebreiro é tamén a lenda máis internacional, o milagre do Santo Grial, acollido aquí no templo máis antigo da Ruta Xacobea que é a igrexa prerrománica de Santa María a Real.

Neste clima sen domesticar, San Xiraldo, conde de Aurillac, fundou no século IX un hospital coa intención de atender e dar acubillo aos primeiros peregrinos que ían en busca do corpo de Santiago que se acababa de descubrir en Iria Flavia. Aquí pararon mesmo os Reis Católicos e o emperador Carlos I. O hospital derivou no Santuario que hoxe coñecemos, moi ben conservado, e entre ás singularidades que alberga figura unha pila bautismal da mesma época que a igrexa, reminiscencia da práctica do bautismo por inmersión, practicado ata o século XIII, e un fermoso talle románico da Virxe.

A fama deste lugar transcendeu as fronteiras, pois aquí se sitúa segundo a lenda un dos lugares do mítico Grial, que é o vaso onde Xosé de Arimatea recolleu o sangue de Cristo na cruz.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1040 lecturas