O maior botafumeiro do mundo

O Botafumeiro de Santiago mide metro e medio e pesa 54 quilos.
O maior botafumeiro do mundo

Fronte ao altar do Apóstolo, unha atmosfera de néboa, silencio e respecto percorre o interior da Catedral entre a praza das Praterías e a Acibechería. É o botafumeiro, o maior botafumeiro do mundo que sobrevoa as cabezas de centos de peregrinos que aquí se congregan para gozar desta estraña mestura de devoción, espectáculo e aroma de séculos.

O botafumeiro é a grande atracción. Construído en metal prateado, trátase dun botafumeiro de metro e medio de altura e uns 54 quilos de peso. A súa orixe é, din, tan antiga como a propia Catedral e naceu cunha dobre intención: por un lado é un símbolo de culto ao Apóstolo, por outra, un sistema de hixiene para purificar o ambiente nos tempos en que os peregrinos durmían dentro da Basílica.

O mecanismo que posibilita o funcionamento do botafumeiro está colgado do ciborio gótico, sobre o cruceiro, a unha altura de 32 metros. Sostéñeno unhas cordas de fibra vexetal duns cinco centímetros de grosor. O botafumeiro que se emprega habitualmente (todos os días nos anos santos polo menos na misa das doce e sempre en grandes actos ou cada vez que un grupo de visitantes custea a súa posta en funcionamento) foi feito en 1851.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1114 lecturas