O faro en funcionamento máis antigo do mundo

A Torre de Hércules, do século II, é o emblema da cidade da Coruña.
O faro en funcionamento máis antigo do mundo

É a principal atracción histórica da capital coruñesa. Esa torre única pola que os seus habitantes se chaman "herculinos", situada a uns 1.600 metros do centro da cidade e rodeada por un amplo espazo natural (onde se alzan interesantes esculturas como o Campo dos Menhires). É o único faro romano do mundo que segue funcionando como tal: a Torre de Hércules. A lenda conta que foi neste lugar onde Hércules cortou a cabeza do tirano Xerión e, tras enterralo, levantou a torre. Unha inscrición aos pés do monumento revela que existe dende a época de Traxano (século II, obra do arquitecto lusitano Caius Servius Lupus). Por aquel entón, A Coruña chamábase Brigantium. O historiador galaico-romano Paulo Orosio deixou escrito a comezos do século V o seguinte:

"Aquí está a cidade galega de Brigantia, que ten un faro elevado e constitúe unha das poucas obras humanas máis dignas de admiración, e álzase orientador da ruta de Bretaña."

O faro perdeu posiblemente o seu uso marítimo durante a Idade Media ao converterse en fortificación, ata que foi restaurado no século XVII. Logo, en 1791 conclúese a súa reconstrución completa.

Hoxe destacan da súa fachada dúas ventás rectangulares tapiadas total ou parcialmente e o pequeno tellado que sobresae entre piso e piso. O interior da torre presenta a súa estrutura orixinal romana e unha escaleira neoclásica de 234 pasos permite ascender ata a terraza previa á lanterna e percorrer o perímetro do faro.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1382 lecturas