A maior ría de España

A Ría de Arousa é, cos seus 230 Km2, a máis extensa das rías de España.
A maior ría de España

A lonxitude da ría é de 33 Km. O seu ancho é de 4,5 Km. na boca sur -dende a illa de Sálvora cara á península do Grove- e de 3,5 Km. na norte -entre Sálvora e Aguiño (Ribeira)-. A profundidade máxima é de 69 metros e a súa principal achega fluvial procede do río Ulla, se ben resulta importante o papel do río Umia.

A entrada da ría está caracterizada pola presenza de Sálvora e os numerosos illotes e arrecifes adxacentes ata Punta Falcoeiro, que actúan como dique natural para defender as augas da ría fronte aos mares de travesía.

As costas que rodean a Arousa son accidentadas e están dominadas por alturas destacables, as cales rematan en puntas baixas e rochosas entre as que se abren numerosas praias, moitas delas de gran tamaño e superficie.

Nas súas beiras atópanse numerosas poboacións de marcado carácter mariñeiro. O interior da ría está salpicado por numerosas illas e illotes de extraordinaria beleza: A Illa de Arousa, a máis poboada de Galicia; A Toxa, sen dúbida a de maior atractivo turístico, polos seus luxosos hoteis, o seu campo de golf e o seu balneario; Cortegada ao fondo xunto á desembocadura do río Ulla en Carril, famosa noutro tempo por ser doada ao rei Alfonso XIII para que nela construíse un pazo de verán e hoxe espazo natural; Sálvora,á entrada da ría; Vionta, Rúa e O Areoso, illas deshabitadas de particular encanto. As súas illas, enseadas ou calas móstranse propicias para o fondeo de embarcacións, así como as súas praias, de diferentes formas e tamaños, constitúen espazos ideais para a navegación recreativa.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1318 lecturas