A maior concentración de igrexas e mosteiros románicos de Europa

Na Ribeira Sacra, entre Lugo e Ourense, álzanse ata trinta destes monumentos.
A maior concentración de igrexas e mosteiros románicos de Europa

Nas terras bañadas polos dous principais ríos galegos, o Miño e o Sil, onde dende hai dous mil anos se cultiva o viño nos empinados bancais, aquí onde conflúen as provincias de Lugo e Ourense, establecéronse dende os inicios do Cristianismo monxes e eremitas para practicar a vida ascética, nunha paraxe que hoxe pode parecer bucólica pero que foi moi dura, e na que floreceron máis de quince mosteiros medievais e outras tantas igrexas románicas.

O sur da provincia lucense concentra a esencia deste románico mentres que o límite ourensán polo norte sobresae polos seus cenobios. Xa dende o século XII existe constancia do nome con que se coñece a todo este lugar, a Ribeira Sacra. Estamos polo tanto na bisbarra con maior concentración de igrexas románicas e mosteiros de toda Europa. Pola súa relevancia monumental foi designada en 2004 Itinerario Cultural Europeo.

Entre os mosteiros encontramos verdadeiras xoias románicas, monumentos nacionais, mesmo algún construído sobre rochas... Dende a ribeira do Miño, na provincia de Lugo, figuran os cenobios de San Vicente do Pino en Monforte (hoxe Parador de Turismo), Santo Estevo de Ribas do Miño, ou Santa María de Ferreira de Pantón (mosteiro feminino do Císter). Xa en Ourense, Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos máis importantes. Tamén o convento de Santa Cristina de Ribas de Sil (preto dos espectaculares miradoiros coñecidos como os Balcóns de Madrid). E xa, máis ao sur, chegamos ao cenobio de Santa María de Montederramo (no seu documento fundacional de 1124 aparece por primeira vez a denominación de "Rivoira Sacrata").

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1418 lecturas