A maior colección de acibeches do mundo

Son 300 pezas realizadas en Santiago que expón o Museo de Pontevedra.
A maior colección de acibeches do mundo

Pontevedra posúe o casco histórico máis interesante de Galicia tras o de Compostela, que é dicir moito, e un importante Museo Provincial que garda, entre outras excelencias, a máis ampla colección mundial de acibeches composteláns (datados entre os séculos XVI e XX). Este negro mineral composto especial de carbono era coñecido xa na Prehistoria e polo menos dende Aristóteles e Plinio atribúenselle propiedades medicinais, defensivas e quirománticas.

O acibeche só aparece, con boa calidade, na cornixa cantábrica española e no condado inglés de York e procede de fósiles con setenta millóns de anos de antigüidade. A importancia da colección exhibida en Pontevedra reside na existencia en Santiago de Compostela do único centro antigo de traballo do acibeche, facíase aquí en exclusivo monopolio. Os artesáns composteláns convertéronse en verdadeiros mestres no seu talle nos anos dourados das peregrinacións xacobeas (séculos XI a XVII), e as súas exclusivas pezas, que pasaron de artesanía a verdadeira arte, percorreron Europa enteira.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1166 lecturas