A cidade europea que máis creceu no século XX.

Vigo pasou en cen anos de 30.000 a 300.000 habitantes e hoxe é o primeiro porto frigorífico de Europa.
A cidade europea que máis creceu no século XX.

Vigo non só é a primeira cidade de Galicia se non que ostenta un "récord" moito máis impoñente: é a cidade europea con maior crecemento demográfico durante o século XX. A comezos do 1900, a emerxente Vicus (nome orixinario de Vigo, que en latín quere dicir "aldea") non chegaba aos 30.000 habitantes, tiña tantos veciños como, por exemplo, Lugo. Cen anos despois a xa grande urbe rolda os 300.000 habitantes sendo unha das quince maiores cidades de España, e a área metropolitana que a rodea chega ao medio millón de persoas, a quinta parte da poboación de Galicia.

Este crecemento sorprendente converteu a Vigo no motor de Galicia e nunha das áreas empresariais máis potentes e con máis proxección da península. Non en van, ao comezo da súa Gran Vía, o escultor Ramón Conde erixiu un definitivo Monumento ao Traballo que preside, cada mañá moi temperán, a entrada diaria nas oficinas da "city".

Vigo ten o porto frigorífico con maior capacidade de Europa (é o terceiro do mundo tras Osaka e Alaska). En movemento de peixe fresco para o consumo humano é o porto pesqueiro mundial por excelencia. E ,por outra parte, en importación e exportación de granito é o segundo porto de Europa despois do italiano de Carrara.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1694 lecturas