Vigo - Monte da Guía

Vista panorámica de Vigo dende A Guía.

Na viguesa parroquia de Teis atopamos o Monte da Guía, ao que teremos que subir seguindo un Vía Crucis, nun camiño entre carballos e piñeiros, para chegar ata o cumio no que ao parecer estivo levantado un castro e que agora acolle unha ermida, a da Nosa Señora da Guía, obra deseñada polo arquitecto Manuel Gómez Román1951 pero edificada sobre unha anterior do século XVI  e a carón da que cada 5 de agosto se celebra a Romaría da Virxe das Neves.

Disque antigamente viñan ata aquí as mulleres dos pescadores para prender fogueiras e así orientar aos seus homes ata terra, e que tamén nas súas faldras – nas que ademais se sitúan as praias da Lagoa e a da Punta- se habilitou unha base de aprovisionamento de submarinos durante a II Guerra Mundial. Hoxe, dende este magnífico miradoiro, podemos gozar da cidade de Vigo e a súa ría, as espectaculares Illas Cíes, a ponte de Rande, a península do Morrazo ou a  enseada de San Simón, con aquela illa cercada pola ondas que inmortalizara o trobador medieval Mendinho.

Vigo - Monte da Guía
2073 lecturas