Santiago de Compostela - Praza do Obradoiro

Vista panorámica da Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.

Aquí a cotío xúntanse milleiros de homes e mulleres chegados en peregrinación dende todos os recunchos do mundo  logo dunha viaxe longa ou fugaz, escura ou luminosa, seca ou treboenta, penosa ou feliz… pero sempre especial e teimuda na busca dun algo –o xubileu, un reto, unha promesa, unha penitencia ou, quen sabe, o mesmo ceo - que quizais só Compostela lles pode axudar a atopar.

Disque os discípulos do Apóstolo Santiago O Maior, logo de que fora decapitado en Palestina, trouxeron os seus restos ata aquí nunha barca de pedra e soterráronos  no “Campus Stellae” que varios séculos máis tarde (s. IX) lle foi sinalado ao ermitán Paio, e sobre os que o rei Alfonso II mandará construír o inicial santuario. Ao Obradoiro mirará tamén a posterior catedral románica, aínda que dende a praza só podemos ver a fachada barroca; o pazo arcebispal, tamén mestura de estilos;  o Pazo de San Xerome, renacentista e sede da Universidade; o neoclásico Pazo Raxoi, casa do poder local; e o Hostal dos Reis Católicos, edificio de estilo plateresco que Isabel e Fernando  mandaran edificar  para atender aos milleiros de persoas que percorrían o que o hoxe é Itinerario cultural europeo.

Santiago de Compostela - Plaza do Obradoiro
2172 lecturas