San Andrés de Teixido

Vista panorámica de San Andrés de Teixido.

Son numerosas as lendas -e as versións sobre as mesmas- que se contan deste máxico lugar da parroquia de Régoa, no concello de Cedeira, situado en plena Serra da Capelada, a que acolle os cantís de Vixía Herbeira, os que -din os libros- teñen unha maior cota sobre o nivel do mar de toda Europa continental e ao carón dos que se erixiu un santuario gótico-barroco (s. XVI a XVIII) de estilo mariñeiro que pasa por ser, xunto con Fisterra, o maior centro de peregrinación de Galicia despois de Compostela.

Aquí, en medio dunha espectacular paisaxe que disque acolleu a este Apóstolo irmán de Pedro, atopámonos nun mundo de rituais relacionados coa morte e a transmigración das ánimas ao máis alá, nos que os vivos temos especial protagonismo, axudando a que as almas dos nosos seres queridos –e mesmo a nosa cando nos chegue o momento- non anden vagando durante a eternidade. Porque a Compostela poderemos chegar ou non, pero vir ata aquí non é unha opción: de mortos, ou de vivos.

San Andrés de Teixido
1902 lecturas