Pontevedra - Praza da Ferrería

Vista panorámica da Praza da Ferrería en Pontevedra.

Este emblemático lugar da cidade do Lérez tomou o seu nome das forxas que antigamente existían nos soportais da praza, e hoxe en día xunta e estrutura as principais rúas desta colonia que, segundo a lenda, foi fundada por Teucro, o heroe troiano irmán de Áiax que fuxindo da súa terra arribara ata as costas galegas, mais de facer caso das fontes históricas conviremos que foi edificada en tempos de Adriano, o emperador romano glorificado tanto ou máis por Marguerite Yourcenar que polos feitos do seu mandado.

Pero esta praza (suma de tres) tamén está chea doutras resonancias históricas: a igrexa da Peregrina (s.XVIII) coa súa orixinal planta en forma de vieira; os xardíns de Castro Sampedro; a Fonte da Ferrería (s. XVI); e a Igrexa do convento de San Francisco (s. XIV-XV), na restauración de cuxo rosetón  participará Castelao aportando consellos e debuxos, xa que o xenial rianxeiro trasladarase a vivir a Pontevedra no 1916 e alí traballará nun local que daba á praza.

Pontevedra - Plaza de la Ferrería
1862 lecturas