Severino Trinquete Solloso

Xornalista, comerciante e activista social
Severino Trinquete Solloso

Trinquete Solloso foi exemplo do emigrante implicado dentro da colonia galega da Habana. En efecto, ademais de atender o seu negocio de papelaría, o noso protagonista colaborou coas principais publicacións galegas da capital de Cuba, ocupando tamén relevantes cargos nas sociedades galegas.

Severino Trinquete Solloso naceu en Cerdido o 18 de setembro de 1869. Chegou a Cuba cando aínda era un adolescente. Durante a guerra de independencia simpatizou cos separatistas, polo que sufriu persecución.

Tivo unha importante presenza nas publicacións galegas da Habana. Así, xunto con Ricardo Carballal Lafourcade aparece como fundador da revista Suevia na súa segunda xeira (1912). Ora ben, a partir do número 6 deixa de aparecer á fronte desta revista, ficando só Carballal como director. Solloso foi tamén axente da revista Modas y pasatiempos. Foi colaborador da revista Galicia, ademais de publicar poemas e artigos en Bohemia, El Hogar, Letras, Labor Gallega, etc. En todas estas publicacións adoitaba asinar os seus traballos como Severino T. Solloso

Tamén se dedicou ao comercio na Habana, pois foi propietario da papelaría "Wilson´s". O seu negocio tiña o enderezo en Obispo 52. Tivo un destacado protagonismo no movemento societario galego da Habana. Así, en 1907 participou na comisión iniciadora da sociedade de instrución Pila Ancha, entidade da que chegaría a ser presidente en 1912. En 1911 ocupou o posto de tesoureiro da Unión Redencionista Gallega da Habana.

En 1915 regresou enfermo á súa terra natal. Faleceu en Cerdido o 26 de abril de 1916. O 7 de outubro de 1917 a sociedade Pila Ancha acordou acondicionar no cemiterio de Cerdido un lugar para para que descansaran permanentemente os seus restos, colocando unha lápida conmemorativa.

Bibliografía: 

SUEVIA, n.º 27, 18-VIII-1912

LABOR GALLEGA, 15/05/1916, p. 16 

CUADRIELLO, JORGE DOMINGO: Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario bio-bibliográfico, Sevilla: Renacimiento, 2002, p. 158.

Documentación asociada
Documentación asociada
Noticia do pasamento de Severino T. Solloso195.14 KB

Fotografías

  • Severino T. Solloso

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
3755 lecturas