Ricardo Conde Salgado

Xornalista e docente en Bos Aires
Ricardo Conde Salgado

Conde Salgado podería ser definido como o emigrante instruído. Aínda que os seus comezos na emigración podemos atopalos no comercio, como milleiros de galegos emigrados, a súa dedicación ao xornalismo e á docencia en Arxentina foi total.

Ricardo Conde Salgado naceu na Coruña o 3 de abril de 1853. Cursou o ensino secundario na Coruña e en Santiago de Compostela. En 1871 trasládase a Madrid para cursar a carreira de Mediciña. Ora ben, tras dous anos de estudos decide emigrar á Arxentina.

Chega a Bos Aires o 8 de decembro de 1873 na corbeta "Eloísa". Comezou traballando no comercio, aínda que as súas inquedanzas levárono á docencia e ao xornalismo. Así, foi colaborador de El Correo Español e El Gallego. Participou na fundación de La Prensa Española. Dirixiu durante algún tempo La Opinión. Tamén colaborou nas publicacións de Castro López El Eco de Galicia e Almanaque Gallego.

Polo que toca á docencia, foi profesor en varios centro privados e no Instituto Mercantil. Catedrático de Xeografía Marítima, Historia e Lingua Castelán na Escola Naval Militar. Ademais, desde 1892 estaba en posesión do título de escribán público. En 1908 foi vogal dunha comisión creada para procurar fondos para erguer un monumento a Curros Enríquez na Coruña. En 1913 foi elixido como membro do consello de apelacións do Centro Gallego.

Entre as súas obras destacan: Misión civilizadora de los españoles en la conquista de América, obra premiada nos Xogos Florais organizados polo Centro Gallego; Canto a Galicia, premiado nos Xogos Florais organizados pola Asociación Patriótica Española o 22 de outubro de 1904; Los Municipios en la América Española (El Eco de Galicia, núms. 285-290, 1899).

Notábel poeta, a destacar as súas composicións poéticas na época da guerra cos Estados Unidos: ¡Judas!, Un yankee traducido e Os porcos vencedores. Foi autor da letra da balada Fóra do niño, estreada polo Orfeón Gallego Primitivo o 15 de xullo de 1899 nunha velada celebrada no teatro do Orfeón Español. A música desta canción foi composta por Egidio Paz Hermo. Membro correspondente da Real Academia Galega.

Faleceu en Villa Urquiza (Provincia de Entre Ríos) o 11 de setembro de 1938. O seu fillo, Ricardo Conde Diana, foi xerente do Banco de Galicia e alto directivo da Papelera Nacional.

Bibliografía: 

 VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 894

Documentación asociada
Documentación asociada
Las bocas de sangre93.71 KB
Morriña41.62 KB
Cousas do mundo84.56 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2643 lecturas