Juan Vicente Martínez Quelle

Na elite do xornalismo galego da Habana
Fidel Villasuso Espiñeira

Na historia das migracións hai unha importante dose de aventura. Neste senso, a emigración galega non é unha excepción. Así, a chegada a Cuba de Martínez Quelle non segue as canles prototípicas da inmesa maioría dos emigrantes. Ao noso protagonista a pasaxe pagoulla a Armada española, que, por suposto, non contaba co feito de que ía desertar unha vez chegado á Habana.

Juan Vicente Martínez Quelle naceu no Ferrol o 26 de xaneiro de 1875. Chega a Cuba o 24 de xuño de 1908 como mariñeiro da corveta da Armada española "Nautilus". Tras desertar, instalaríase na Habana onde traballou como xornalista. Lembramos aquí o feito de que a chegada deste buque á Habana actuou como revulsivo da fundación de sociedades galegas, en especial a de Ferrol y su Comarca.

Martínez Quelle foi redactor de Airiños da miña terra, revista que comeza a se publicar o 10 de maio de 1909. En 1910 foi nomeado representante da revista Suevia na cidade da Habana. En 1913 funda Labor gallega, revista ilustrada e bilingüe de periodicidade quincenal. Nun primeiro momento esta publicación aparecía como "Órgano de las Sociedades Gallegas de Instrucción". A partir do 15 de maio de 1916, aínda que nas súas páxinas se segue recollendo a actividade das sociedades, deixa de ser o seu voceiro. Publicación de notábel calidade artística e literaría, reproducía traballos de xeografía, historia, literaría e arte referidos a Galicia. Facíase eco tamén da actualidade galega do momento, con especial atención a movementos sociais como o agrarismo. Nas súas páxinas colaboraron os principais escritores galegos do momento, residentes en Cuba ou en Galiza. Parte importante da revista era o material gráfico, con fotografías paisaxísticas e monumentais de Galiza e ilustracións orixinais.

En 1919 foi tamen redactor do xornal La Nación. Traduciu para o Diario de la Marina a obra de Castelao Un ollo de vidro. En 1922 comezou a dirixir o semanario España, de carácter informativo e literario. Publicou contos en El Industrial. En xullo de 1925 asumiu a dirección da colección popular La Novela. En 1924 foi incluído na antoloxía poética Los argonautas, na que aparecían os principais poetas cubanos do momento. Empregou os pseudónimos 'Kelle', 'Marquell' e 'Bachiller Vimarque'. Destacou tamén como letrista de cancións. Así, a revista Bohemía publicou, no seu número do 6 de xullo de 1930, a letra do couplet “Ki... Ki... Ri... Ki...!”, escrita por Martínez Quelle e letra do mestre José Guede.

En 1936 retorna a Galicia, instándose no Ferrol. De Martínez Quelle cómpre destacar tamén o seu libro de memorias De mis viajes. Relato anecdótico y descriptivo (1929).

Faleceu en Ferrol en agosto de 1942.

Bibliografía: 

NEIRA VILAS, XOSÉ: A prensa galega en Cuba, Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1985, pp. 67-69

NEIRA VILAS, XOSÉ: Crónicas galegas de América (Rolda segunda), Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 2000, p. 87 

CUADRIELLO, JORGE DOMINGO: Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario bio-bibliográfico, Sevilla: Renacimiento, 2002, p. 112

Documentación asociada
Documentación asociada
Un artigo de Juan Vicente Martínez Quelle96.71 KB
Un poema de Juan Vicente Martínez Quelle86.13 KB
Unha portada da revista Bohemia120.83 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1733 lecturas