José López Rodríguez (Pote)

Pobreza, riqueza, ruína
José López Rodríguez (Pote)

A Historia da emigración galega a América está chea de moitos fracasos e duns poucos éxitos. Por algúns que fixeron cartos, outros moitos regresaron tan pobres como marcharon. No entanto, non é raro atopar tamén o caso no que se xuntan éxito e fracaso. Tal é o caso de José López Rodríguez, no que se combinan probreza, necesidade, riqueza e ruína. Esta é a súa historia.

Comerciante e empresario. José López Rodríguez naceu en Maside en 1862. Emigrou a Cuba en 1880, onde comezou a traballar como dependente no comercio dun parente. Foi por estes anos cando José López Rodríguez gañou o alcume que o acompañaría o resto da súa vida: Pote. En efecto, a afección do noso protagonista por todo tipo de potaxes e caldos impúxolle o sobrenome de Pote, polo que sería coñecido popularmente. Ora ben, o seu gusto por este tipo de comidas non amosaba só un criterio de tipo gastronómico, senón tamén a angueira dun emigrante de aforrar a maioría do que gañaba, reducindo ao máximo os seus gastos. Máis adiante Pote pasou a empregarse nunha imprenta, iniciándose nun negocio que sería a base da súa fortuna.

En 1890 Pote casou con Ana Luísa Serrano, rica viúva propietaria de La Moderna Poesía, unha das mellores librarías da Habana. A partir do casamento Pote pasou a encargarse da dirección do negocio, ampliándoo e abrindo varias sucursais noutras localidades de Cuba. Baixo a súa dirección, La Moderna Poesía converteuse na mellor libraría e papelaría de Cuba, convertendo a José López nun comerciante coñecido en toda a illa. Comentamos, a título da anécdota, que nos blocks raiados que vendía La Moderna Poesía aparecía a foto de Pote; xa que logo varias xeracións de escolares cubanos acudían ás aulas cos seus enormes bigotes de guías voltas para riba nos seus cadernos. En 1910 Pote apuntaríase outro éxito ao estabelecer un obradoiro de impresión quen de realizar gravados en aceiro, era o único existente na Cuba do momento, Pote dedicou este negocio á fabricación de selos de correos.

A fortuna de José López non só procedía do seu vantaxoso casamento. En efecto, Pote acertou plenamente ao apoiar a causa independentista cubana, pois as relacións cos principais líderes cubanos traeríalle importantes beneficios económicos. De entre estas amizades políticas destacou a figura do xeneral mambí José Miguel Gómez, a quen Pote financiou en 1907 a campaña electoral que o levaría á Presidencia da República de Cuba. Contan as crónicas que José López era o único autorizado a entrar no pazo presidencial en mangas de camisa, o que dá idea da estreita relación entre ambos personaxes. En 1908 Pote conseguiu un contrato en exclusiva para imprimir os billetes da Lotaría Nacional, o que se traduciu en amplos beneficios. Máis adiante, tamen acadaría do goberno de Gómez a concesión para a construción dunha ponte de ferro sobre o río Almendares.

En 1912 Pote emprendeu a súa operación económica máis ambiciosa. En efecto, nese ano o noso protagonista fíxose co control do Banco Nacional. Esta entidade bancaria, fundada con capital norteamericano tras a guerra de independencia, contaba en 1919 con 87 sucursais en toda Cuba, tendo como principais clientes aos comerciantes españois. Pote fíxose co dominio do Banco Nacional ao mercar a participación de J. P. Morgan. Baixo a administración de José López o Banco Nacional continuou a súa expansión, chegando en 1920 a ter un capital de 194 millóns de dólares e 121 sucursais por toda a illa.

Pote foi paulatinamente diversificando as súas inversións, chegando a ter intereses en varios sectores. Así, foi propietario dos centrais Reglita e España, na provincia de Matanzas. Neste mesmo senso, ocupou a presidencia da Compañía Nacional de Azúcares. Promotor inmobialiario, construíu o reparto Miramar. Foi dono da fábrica de cemento “El Almendares”.

Porén, tan rápida suba foi seguida dunha non menos rápida caída. A creba bancaria de 1920 levou á suspensión de pagos do Banco Nacional, o que supuxo a ruína de moitos galegos que depositaran os seus aforros nesta entidade. Malia acadar superar o temporal, indemnizando aos depositarios e conservando outros dos seus negocios, Pote apareceu aforcado na ducha da súa casa, no barrio habaneiro do Vedado, o 17 de marzo de 1921. Deste tráxico xeito remataba a vida deste emigrante galego, que chegou pobre e analfabeto a Cuba, acadou subir até o cumio da pirámide social cubana e, finalmente, a ruína levouno á morte.

Documentación asociada
Documentación asociada
Documentos sobre José López "Pote"2.61 MB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2520 lecturas