Gumersindo Busto Villanueva

Un bibliófilo hispanoamericanista, unha vida entregada á Biblioteca América
Gumersindo Busto Villanueva

“Hállase en Santiago de Compostela, en el mismo edificio de la Universidad, la llamada Biblioteca América, obra de un patriota gallego residente en Buenos Aires, don Gumersindo Busto, quien tuvo la feliz idea de fundar la Universidad Libre Hispano Americana. De este proyecto quedó la biblioteca, que don Gumersindo, durante muchos años de trabajo, reunió en su casa de Buenos Aires, remitiéndola luego a la Universidad. Encontramos en la Biblioteca trabajos legislativos referentes al continente, colecciones documentales, colecciones de revistas científicas, bustos de Bolívar, Rivadavia, Moreno, Rivera y otros políticos sudamericanos. ¿Pero se ha limitado a esto la obra de don Gumersindo? No. En la Biblioteca América encontramos colecciones y fotografías de las principales muestras de nuestro país, un archivo cartográfico que se conceptúa el mejor de la península, colecciones de la fauna americana, de mineralogía, y además […] gente que no puede informar absolutamente ni con una palabra de quien es el señor Gumersindo Busto”.

Con estas palabras describía Roberto Artl a grande obra de Gumersindo Busto Villanueva nunha das crónicas recollidas en Aguafuertes Gallegas, escritas durante unha viaxe a Galicia, na cal o escritor arxentino ten ocasión de comprobar o descoñecemento que existía na época en torno á súa figura. Sen dúbida, os esforzos invertidos polo galego en beneficio da cultura galega tardaron en ter o debido recoñecemento.

O creador da Biblioteca América compostelá nace en 1872 na parroquia de San Martín de Laraño, de Santiago de Compostela. Os primeiros anos da súa infancia transcorren na citada parroquia, onde vive coa súa nai, María Manuela Busto y Villanueva, e a súa tía Francisca. Posteriormente ingresa no Seminario de Santiago coa fin de iniciar estudos de latinidade, onde permanece tres anos.

Corre o ano 1887, con tan só quince anos o xove Gumersindo Busto emprende rumbo á emigración. Instálase temporalmente en Montevideo, onde se emprega como telegrafista no Ferrocarril Central do Uruguay e máis tarde noutra das empresas do sector. En 1890 trasládase ao departamento de Tacuarembó para traballar como mestre de escola rural. Pouco despois emprégase nunha notaria e en 1892 inicia formación académica matriculándose en Dereito na Universidade de Montevideo. É neste mesmo ano cando o compostelán se traslada a Bos Aires. A previa experiencia, adquirida en Montevideo, como telegrafista facilitoulle o acceso a un posto nas liñas ferroviarias de Bos Aires e Rosario. Na cidade porteña continúa os estudos de Dereito que conclúe en 1898 acadando o grao de escribán. Nestas mesmas datas comeza a exercer o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e anos despois imparte docencia no Instituto de Aspirantes ao Notariado.

O 11 de maio de 1896 Gumersindo Busto contrae matrimonio con Felisa Gallardeo, froito de dito enlace nacen oito fillos. A familia instálase nunca casa da rúa Cabildo no barrio de Belgrano. Impregnado do espírito hispanoamericanista da época e desexoso de establecer vínculos culturais entre ambas beiras do Atlántico, pon en marcha en 1904 o proxecto para a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana que se había de instalar na súa cidade natal. As xestións e esforzos do galego non encontraron os apoios necesarios e finalmente soamente se acadou un dos obxetivos incluídos no inicial proxecto: a creación dunha grande Biblioteca de temática americanista que había de nutrir de coñecementos sobre América aos estudantes deste lado do océano; así naceu a Biblioteca América, a súa “filla predilecta”, como él mesmo a denominou nalgunha ocasión, e que finalmente tras moitos avatares sería inaugurada en xullo de 1926.

Dende a súa chegada ao Río da Prata entra en contacto con diferentes personalidades e sociedades galegas ás que permanceu ligado de por vida. En 1908 forma parte da Comisión Curros Enríquez, organizada polos académicos correspondentes da Real Academia Galega en Bos Aires coa finalidade de render homenaxe ao literato galego. No Centro Gallego de Bos Aires desempeña o cargo de Vicepresidente e membro do Consello de Apelacións; representando á citada sociedade, participa, en decembro de 1910, na creación dunha primeira Federación de Sociedades Gallegas. Neste mesmo ano o Centro Gallego de La Habana noméao socio de honra. En 1911 Gumersindo Busto integra o núcleo fundador da Unión Redencionista Gallega. Como membro da Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor e da Sociedad Fomento de la Educación y Progreso de la Parroquia de las Heras, a cal chega a Presidir, desenvolve unha importante campaña en beneficio do ensino e instrución en Galiza.

En 1909 Busto viaxa a Galiza coa intención de asistir á Exposición Regional de Galicia que se celebraba en Santiago de Compostela no mes de xullo, esta será a súa última viaxe á terra natal. Durante os 30 días que permanece en Galiza asiste á Exposición en calidade de delegado e participa no Congreso de Emigración organizado pola Sociedad Económica de Amigos del País. Naqueles días visita diferentes escolas promovidas pola Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor. Observa a realidade cultural e educativa galega e as súas eivas, o que o leva a concienciarse, se cabe con maior énfase, da necesidade de recabar recursos a prol do sistema educativo e desenvolvemento pedagóxico galego. Con tal fin promove novas iniciativas, entre elas a creación do Patronato da Universidade de Santiago de Compostela, que finalmente verá a luz en 1922, así como a creación dunha escola en Laraño. Formula ademais unha serie de propostas e inicitivas que pretendían a promoción turística de Galiza na América para o que solicita fotografías aos alcaldes dos municipios galegos e promove a elaboración dun inventario de sociedades galegas fundadas en América.

No seu pensamento ideolóxico, o galego manifesta certa ambigüidade; namentres en 1931 a través de diferentes escritos expresa a súa plena convicción política coa autonomía de Galiza, por outra banda mantén contacto coa conservadora Liga Patriótica Arxentina. Nestas mesmas datas Busto xa é membro de diferentes institucións ubicadas ao longo do continente, entre elas: a Academia Americana da Historia de Bos Aires, o Instituto de Historia de Montevideo; o Ateneo de El Salvador; o Instituto Histórico e Geográfico de Sergipe (Brasil); a Biblioteca Pública de Aracaju (Brasil) e a Liga de Acción Social de Mérida (México). En 1933 nomeano delegado na Arxentina do Instituto das Españas da Universidade de Columbia (Nova York). O establecemento de redes de contacto, a través de amizades con diferentes personalidades galegas e americanas, en moitos casos próximas as institucións citadas, foron esenciais a hora de nutrir os fondos destinados á Biblioteca América.

A Universidade de Santiago recoñecería, o 31 de outubro de 1934, o seu grande labor filantópico e cultural coa concesión do título honoris causa, e a título póstumo honrou a súa memoria cun Víctor. No ano 1926 foille concedido o galardón de Caballero de la Orden de Isabel la Católica.

A noticia do seu falecemento, acaecido o 21 de xuño de 1937, tivo grande repercusión na prensa arxentina e galega pero tamén en diferentes xornais de Cuba, México e en especial na prensa étnica galega, que rende a súa última homenaxe ao filántropo compostelán. Os seus restos foron trasladados ao cementerio da Chacarita rodeado de familiares e amigos que lle renderon unha emotiva despedida.

Obra de Gumersindo Busto Villanueva 

“El Alma de Galicia” En: Eco de Galicia (A Habana),ano 20, nº 338 (31 marzo 1936); p. 21.

"A los gallegos de América" En: Terra: órgano del Centro Gallego (de Córdoba); nº 28 (agosto de 1922); p. 9-10.

“España y América”Terra. Órgano del Centro Gallego (de Córdoba), nº.30 (outubro 1922); p. 14-15.

“Un llamado patriótico” En : Terra. Órgano del Centro Gallego (de Córdoba), nº. 30 (outubro 1922); p. 40.

"¿Qué es el hispanoamericanismo?" En Eco de Galicia (La Habana) ano 9; nº. 219 (24 de agosto 1924); p. 6

“Fervores patrióticos” Raza Celta: Órgano del Comité Autonomista Gallego de Montevideo (Ed. Facsimil), n º. 12 (1935), p. 2

Bibliografía: 

"Inauguración de la Biblioteca América en Santiago de Compostela" En: Revista del Centro Gallego. Montevideo. Vol. 7, n. 117 (1926) ; p. 17.

Boletín de la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela Buenos Aires:1910-1936 (Tip. de Francisco Vilanova); 13 novembro.

Boletín de la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela Buenos Aires:1910-1936 (Tip. de Francisco Vilanova); 13 novembro.

PESQUEIRA, JOAQUíN "El fundador de la Biblioteca América ha fallecido en Buenos Aires" En: Cultura Gallega (La Habana); ed. Facsimil; ano 2, n. 33-34 (agosto 1937); p. 7-8

BARREIRO FERNÁNDEZ, XOSé RAMóN “Iniciativas culturales permanentes desde América: la Real Academia Galega y la Biblioteca América” En: Galicia e América : cinco siglos de historia. Santiago de Compostela: Consellería de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno: Consello da Cultura Galega; p. 241-244.

CAGIAO VILA, PILAR “La Biblioteca América, una iniciativa del regeneracionismo hispanoamericanista” En:Galicia e América : música, cultura e sociedade arredor do 98: memoria Santiago de Compostela, do 15 ó 17 de Xullo, Facultade de Xeografía e Historia / (directora: Mª Pilar Alén). Santiago de Compostela;p. 107-132.

CALVEIRO, ADOLFO V. “Recordando a don Gumersindo Busto” En: Cultura Gallega (La Habana) ed. Facsimil, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Política Lingüística : Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro; ano 2, nº. 33-34 (agosto 1937); p. 12

CAGIAO VILA, PILAR (COORD.) Cen anos da Biblioteca América = Cien años de la Biblioteca América (1904-2004) Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

PÉREZ SANTOS, RAQUEL E PRESAS BENEYTO, MARíA “Gumersindo Busto : apuntamentos para unha biografía = Gumersindo Busto : apuntes para una biografía” En Cen anos da Biblioteca América-Cien años de la Biblioteca América (1904-2004); (coordinación Pilar Cagiao Vila)

CAGIAO VILA, PILAR “Los intelectuales argentinos y la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela (1904-1936)” En: Aproximaciones al americanismo entre 1892 y 2004: proyectos, instituciones y fondos de inversión (Edición a acargo de Pilar Cagiao Vila y Eduardo Rey Tristán). Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Cie

Documentación asociada
Documentación asociada
Documentación sobre Gumersindo Busto part13.99 MB
Documentación sobre Gumersindo Busto part24.84 MB
Documentación sobre Gumersindo Busto part36.55 MB

Fotografías

  • Biblioteca América, Universidade de Santiago de Compostela. Pazo de Fonseca
  • Gumersindo Busto con un grupo de xornalistas (1909)
  • Fillos de Gumersindo portando a bandeira Arxentina, confecionada por encargo da Comisión de Damas Arxentinas (1914)
  • Fotografía de Gumersindo Busto
  • Gumersindo Busto no seu despacho de Bos Aires
  • Gumersindo portando as bandeiras Arxentina e Uruguaia (1922)
  • Retrato de Gumersindo Busto

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
7851 lecturas