Francisco San Román

O "Rey de los cafeteros"
Francisco San Román

Naceu na parroquia de Santa Baia de Camos no Concello de Nigrán (Pontevedra) o día 1 de marzo de 1861. Con só 11 anos colle o camiño da emigración e chega a Montevideo o 2 de maio de 1872. Posteriormente a súa familia trasladouse a Brasil, á rexión de Santa Catarina onde traballou nunha facenda produtora e exportadora de café.

Así, cando volve a Montevideo, coñecedor do negocio do café, e cun capital suficiente para iso, funda, co seu irmán Severino, unha cafetería especializada que se inaugura o 25 de xullo de 1885 baixo o nome de Polo Bamba, na Rúa Colonia nº 6 e 8.

O comercio de San Román axiña se converte na sede dunha famosa tertulia literaria onde participan os máis importantes escritores (Vasseur, Florencio Sánchez, Eduardo Artecona, Edmundo Bianchi, Roberto de las Carreras y Alberto Lasplaces). A figura patriarcal deste galego, considerado un verdadeiro mecenas das letras, levouno a fundar o 8 de maio de 1889 un establecemento que foi unha verdadeira institución montevideana: o Tupí Nambá (nome referido aos indios tupí-nambás da rexión de San Vicente do Nordeste brasileiro co que seu dono lembraba as súas primeiras andanzas en terras americanas) na esquina das rúas Ciudadela con Buenos Aires, fronte ao Teatro Solís. Neste café-bar xuntábase a máis importante intelectualidade uruguaia.

De tal xeito que a famosa revista Caras y Caretas no 1900 incluía o seguinte aviso: «Tupí Nambá. Buenos Aires, Frente al Solís. Nunca digerir podrá/ con felicidad usté, / si no toma del café/ que sirve Tupí Nambá».

En maio de 1899 San Román celebra cunha gran festa no Hotel de las Pirámides o décimo aniversario do seu famoso Tupí Nambá e alí na festa foi proclamado "Rey de los Cafeteros" e un amigo escritor Alcides de María improvisou os seguintes versos: «Yo soy mate cimarrón. /Apenas se algún refrán/ pero como San Román/ lo mezcla en esto al fogón,/ evoca la tradición/ de los estilos camperos./ Y a quien da de estos pucheros/ yo ofrezco silvestres flores./Un viva, todos, señores, /al rey de los cafeteros».

O galego San Román foi moi querido polos intelectuais uruguaios que recoñecían a súa bondade. O seu café foi sede do famoso cenáculo "Teseo" onde se agrupaban poetas, novelistas, dramaturgos, pintores escultores baixo a presidencia de Eduardo Dieste. Deste cenáculo formaron parte tamén Justino Zavala Muniz, Enrique Casaravilla Lemos, Vicente Basso Maglio, Juan Parra del Riego, Carlos Sabat Ercasty, Ildefonso Pereda Valdés, Alberto Demichelli, Ernesto Herrera, Humberto Zarrilli, Manuel de Castro e outras destacadas figuras da intelectualidade uruguaia e onde San Román foi un máis nesta xuntanza.

Estivo asociado á Asociación Protectora de la Cultura Gallega. O seus fillo Francisco, Xoán Xosé e a súa filla Luis María, foron socio e socia do negocio paterno. Anos máis tarde asociouse co seu sobriño, Casiano Estévez, en 1899, que finalmente asumiu a administración do comercio a partir de 1911 cando Francisco San Román se retira.

O Tupí Nambá despareceu no 1959, deixando un baleiro difícil de encher, foi derrubado para construír no seu lugar unha torre de vivendas e unhas oficinas, o que se coñece por Edificio Ciudadela.

Bibliografía: 

VV.AA.: Revista del Centro Gallego de Montevideo, número extraordinario de 30 de xullo de 1925, p. 69-70.

VV.AA.: Arazúa. Boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega xullo de 1929, nº1, p. 11. (anuncio); nº 2, outubro de 1930, p. 12.

ZUBILLAGA BARRERA, C.: Los Gallegos en el Uruguay. Apuntes para la historia de la inmigración gallega hasta fines del siglo XIX, Ediciones Banco de Galicia, Montevideo, 1966, pp. 153 a 156.

SUÁREZ SUÁREZ, MANUEL: Lonxe de Montevideo. Ed. Coordenadas, Santiago: 1996, p. 23-24.

Fotografías

  • Hombres de Labor
  • La fiesta de Anoche
  • Fotografia Francisco San Román
  • Fotografia Tupí Nambá

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2167 lecturas