Eduardo Núñez Sarmiento

Xornalista galego na Habana
Eduardo Núñez Sarmiento

A vida de Núñez Sarmiento está intensamente vencellada ao xornalismo. Desde a súa chegada a Cuba até o seu regreso a Galiza colaborou en varios periódicos editados na Habana e noutras localidades cubanas. Co seu propio nome, ou cos pseudónimos de "Blanca Azucena de la China", "Tomás Neri", "T. Semirano" ou "Calderilla", publicou numerosas colaboracións na prensa galega da Habana. Deste xeito, a súa figura é comparábel á doutros xornalistas galegos en Cuba, tales como Álvarez Insua ou Curros Enríquez, cos que tamén se relacionou durante a súa permanencia en Cuba.

Eduardo Núñez Sarmiento naceu no lugar de Angueira, parroquia de Santa Mariña de Ribasar (Rois) o 20 de marzo de 1865. Obtivo o título de mestre na Escola Normal de Santiago, ampliando estudos en Madrid e Porto. Chegou á Habana en 1894. Axiña comezou a colaborar en El Eco de Galicia, periódico que dirixía Waldo Álvarez Insua. Neste semanario publicou traballos en galego e castelán en prosa e en verso. Foi tamén director da publicación entre o 6 de xullo e o 5 de outubro de 1901. Núñez Sarmiento participou na guerra colonial comezada en 1895, defendendo as armas españolas, e chegou a acadar o grao de oficial.

En xullo de 1899 foi nomeado como corresponsal do diario de Barcelona Las Noticias. En abril de 1900 foi elixido como secretario da xunta directiva da Sociedad Coral Gallega. Na Habana foi tamén fundador doutras publicacións: Galicia en América, decenario bilingüe, de breve vida, fundado en 1904; La Región, revista bilingüe de intereses xerais galegos, fundada o ano 1895, só se editaron tres números; El Quijote; El Eco Español.

Escribiu no Diario de la Familia na época en que Curros Enríquez era xefe de redacción deste xornal. Colaborou en publicacións como El hogar, La Unión Constitucional, El fígaro, La lealtad ou o Diario de la Marina (na época de dirección de Nicolás Rivero). Foi profesor do plantel Concepción Arenal do Centro Gallego.

Publicou na Habana os poemarios en castelán Constanza (1895) e En las orillas del Esla (1895). En abril da 1900 trasladouse a Matanzas para se facer cargo da dirección do xornal El Eco Español. Nos Xogos Florais de Camajuaní (agosto de 1904) foille concedido o primeiro premio pola poesía Desde que el hombre nace. No ano 1905, moi enfermo, regresou a Galicia. Faleceu o 21 de decembro de 1906.

A súa traxectoria mereceu do Goberno español varias condecoracións. Así, estaba en posesión da Orde de Isabel a Católica co grao de Cabaleiro e da Orde do Mérito Militar, con distintivo vermello. Núñez Sarmiento foi académico correspondente da Real Academia Galega. O seu fillo, Eduardo Núñez Martínez, tamén foi escritor e xornalista.

Bibliografía: 

VV.AA.: El Eco de Galicia, nº 886, 01/07/1899, p. 6

VV.AA.: Cultura Hispánica, 2ª época. nº 15, 1-2/06/1957, p. 9

NEIRA VILAS, XOSÉ Memoria da emigración III. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1996, pp. 69

CUADRIELLO, JORGE DOMINGO: Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario bio-bibliográfico. Sevilla: Renacimiento, 2002, p. 128

HERMIDA, MODESTO (DIR.): Narradores ocasionais do século XIX (relato breve), Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003, p. 273

Documentación asociada
Documentación asociada
As vísporas44.9 KB
As desgracias de pedriño43.66 KB
Un artigo de Eduardo Nuñez Sarmiento44.35 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2319 lecturas