Carmen Arias López

A galega que coidou do neno Ernesto Guevara de la Serna.
Carmen Arias López

Naceu no ano 1907 na aldea de Bade, parroquia de Vilamaior, no concello de Sarria. Filla de Benigno Arias e de Dolores López, foi a segunda de oito irmáns. Xa de moziña en 1923, emigra cara a Arxentina xunto a unha irmán de seu pai.

Desde a súa chegada a Bos Aires dedicouse ao traballo doméstico. En xullo de 1928 foi contratada polos padres do Che Guevara, Celia de la Serna e Ernesto Guevara Lynch para coidar ao seu primeiro fillo, Ernesto, nome do famoso Comandante da revolución cubana.

O matrimonio Guevara de la Serna casara en 1927 e marcharon a vivir a Puerto Caraguatay, pequena vila da provincia de Misiones ubicada sobre o río Paraná onde o pai do Che explotaba unha plantación de herba mate. Cando Celia de la Serna estaba a punto de dar a luz viaxaron a Rosario e o Che naceu nesa cidade. Máis tarde desplazáronse a Bos Aires e alí contrataron a Carmen, que os acompañou á selva da provincia de Misiones. Permaneceron alí até que o neno tiña dous anos e cando faltaba pouco para o nacemento da súa irmá Celia volveron a Bos Aires, instalándose no barrio de San Isidro.

Carmen acompañou aos Guevara aos distintos lugares nos que viviron buscando un clima máis axeitado para tratar a asma do pequeño Ernesto, é por iso que a familia se trasladou a Alta Gracia, na provincia de Córdoba, onde residiron durante once anos.

A primeiros de 1934 Carmen decide casar cun asturiano, tamén emigrante na Arxentina, Alfredo Gabela polo que o traballo na casa dos Guevara remata pero non así a relación persoal que perduraría toda a vida.

Ao longo da vida do Ché sempre se comunicou con aquela galega que fora como a súa segunda nai. Así, sendo estudiante de Medicina, Ernesto estudaba na casa de Carmen e xantaba de novo as comidas da súa nenez. Según o fillo de Carmen Arias, tamén chamado Alfredo, a relación entre os Guevara e a familia Gabela Arias xogou un papel importante entre os anos 1956 e 1958 cando o Che estaba inmerso na guerrilla cubana

Bibliografía: 

NEIRA VILAS, X.: Crónicas galegas de América (Rolda segunda), Sada: Ediciós do Castro, 2000

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1827 lecturas