Plataforma de Tramitación

GALEGUIDADE

Enténdese por galeguidade, para os efectos da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 4.1. do Estatuto de autonomía de Galicia.

Tipoloxía das entidades galegas:

1. As entidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán ser recoñecidas nalgunha das seguintes categorías:

a) Comunidades galegas.

b) Centros colaboradores da galeguidade.

c) Federacións de comunidades e de entidades.

d) Centros de estudo e difusión da cultura galega.

 

2. Tamén poderán ser recoñecidas, só a efectos de acceder ao Rexistro da Galeguidade, as redes sociais relacionadas coa galeguidade.

 

RECOÑECEMENTO DAS ENTIDADES GALEGAS ASENTADAS FÓRA DE GALICIA

Comunidades galegas:

Son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean sentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/as galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/as seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia. Gozarán da condición de comunidades galegas aquelas comunidades galegas que sexan recoñecidas de acordo co disposto na Lei da Galeguidade.

Centros colaboradores da galeguidade:

Son centros colaboradores da galeguidade aquelas entidades legalmente constituídas fóra do territorio de Galicia, sen ánimo de lucro, que teñan por obxecto nos seus estatutos o mantemento ou a recuperación dos lazos culturais, sociais e económicos con Galicia ou que desenvolvan algún dos fins que se recollen no artigo 7 da  Lei da galeguidade.

Procedemento:

O recoñecemento como comunidade galega ou como centro colaborador da galeguidade iniciarase por instancia de parte mediante a presentación da correspondente solicitude de recoñecemento.

Formularios:

- Solicitude de recoñecemento

Para a presentación do listado nominal dos/as socios/as requirido na solicitude de recoñecemento/adaptación dunha entidade, deberá achegar no formulario de solicitude unha das seguintes follas de cálculo cumprimentada:

- Listado de Socios/as [Formato Microsoft Excel]

- Listado de Socios/as [Formato Open Office]

 

REXISTRO DA GALEGUIDADE

A Lei  7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, creou o Rexistro da Galeguidade, adscrito ao órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de emigración, no cal poderán inscribirse as entidades galegas asentadas fóra de Galicia recoñecidas na devandita lei.

Inscrición das comunidades galegas e centros colaboradores da galeguidade:

A inscrición das entidades galegas ás que lles sexa recoñecida a súa galeguidade como comunidades galegas ou a súa condición de centros colaboradores da galeguidade conforme ao establecido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, realizarase de oficio pola Secretaría Xeral da Emigración, na correspondente sección do rexistro, unha vez que lle sexa recoñecida  a correspondente categoría.

 

Inscrición das federacións de entidades galegas, centros de estudo e difusión da cultura galega e redes sociais:

A inscrición destas entidades na correspondente sección do Rexistro da Galeguidade realizarase a instancia de parte mediante a presentación da correspondente solicitude de inscrición.

Formularios:

- Solicitude de inscrición

Para a presentación da listaxe nominal dos/as socios/as requirido na solicitude de inscrición dunha entidade, deberá achegar no formulario de solicitude unha das seguintes follas de cálculo cumprimentada:

- Listado de Socios/as [Formato Microsoft Excel]

- Listado de Socios/as [Formato Open Office]

 

ACCESO AUTENTICADO Á PLATAFORMA DE TRAMITACIÓN:

As entidades que presenten unha solicitude de recoñecemento/adaptación ou inscrición no Rexistro da Galeguidade, deben enviar o documento acreditativo doa cumprimentación da solicitude en soporte papel á Secretaría Xeral da Emigración, para que esta proceda a acreditar a identidade da persoa que presenta a solicitude. Unha vez acreditada a súa identidade, a persoa solicitante poderá acceder á plataforma de tramitación do Rexistro da Galeguidade cos datos de acceso que se lle proporcionaron no devandito documento acreditativo, que poderá modificar unha vez accedan por primeira vez.

A plataforma de tramitación será o mecanismo a través do cal o/a representante da entidade que presenta a solicitude poderá actualizar toda aquela información da entidade que o órgano competente en materia de emigración así estableza (emendar erros, achegar documentos preceptivos, achegar datos complementarios, actualizar datos da entidade,...).

- Acceso á plataforma de tramitación