A Xunta de Galicia busca o liderado xuvenil no exterior

  • O encarcago do curso, Daniel Álvarez, declarou que a vontade da Secretaría Xeral da Emigración, xunto á Universidade de Vigo, é realizar esta experiencia como proba piloto en Bos Aires e intentar aplicala noutros países».

O Delegado do Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, foi o encargado de presentar o I Programa de Adestramento Directivo para novos líderes da emigración galega da área da Prata (que comprende Arxentina e Uruguai). Trátase dun curso que forma en habilidades directivas á mocidade galega do exterior para que, nun futuro próximo, as comunidades poidan contar con persoas preparadas en liderado e en negociación. «Vese xente nova, con talento e positivismo,» comentaba López Dobarro na presentación do programa, onde explicaba que era necesario «estar preto da emigración, en contacto permanente e contribuíndo á súa revitalización». Para este, levar xente nova aos cargos directivos é unha «visión moi positiva» de futuro para as institucións galegas. Ademais, engadiu que a comunidade de Galicia «ten un importante capital en todo o mundo». Para o delegado, a realización deste programa supón «un recoñecemento ao traballo e á capacidade das sociedades que promoveron o asociacionismo» dende o estranxeiro.

Un momento histórico
O encargado do programa, Daniel Álvarez, sinalou que o colectivo galego no exterior «vive un momento histórico» debido a que é «agora» cando hai que levar a cabo un recambio xeracional, xa que a condución das asociacións no exterior tende a darse con mozos que non naceron en Galicia. Daniel Álvarez declarou que a vontade da Secretaría Xeral da Emigración é realizar esta experiencia como proba piloto en Bos Aires e intentar aplicala [se todo sae ben] noutros países». O encargado do curso outorgoulle moita importancia á creación de grupos de traballo, así como á motivación e á boa coordinación de equipo, coa fin de que «todo o aprendido no curso sirva para o futuro».

Un modelo a exportar
As xornadas arrancaron o 27 de novembro e non finalizarán ata o 22 de decembro, data na que hai previstos dous talleres de reforzo a distancia, coa utilización da plataforma GaliciaAberta.com. Os devanditos talleres saíron adiante co obxectivo de «formar en habilidades directivas da máxima calidade á xuventude do exterior para que as comunidades galegas poidan contar con mozos preparados en formas innovadoras e máis eficaces de actuación, liderado e negociación». Mediante a achega de novas ideas e coñecementos que fortalezan o cooperativismo galego da emigración e a posta en común de obxectivos, búscase crear actores dunha cultura innovadora que introduzan o xerme do cambio nas entidades galegas establecidas en Arxentina e Uruguai. Se estas xornadas dan un bo resultado, dende a Xunta prometen exportar o modelo de ensino a novos líderes a outros lugares con presenza de centros galegos.

585 lecturas