Unha vintena de alumnos aprenden a xestionar os centros en «unha mesma liña de traballo»

Estamos a vivir un fito, xa que os representantes da comunidade galega teñen cada vez máis idade e van necesitando máis apoio por parte das novas xeracións», explicou Daniel Álvarez Lamas nunha xornada onde se daban as receitas necesarias para levar a cabo unha mesma liña de xestión nos centros galegos.

«A comunidade galega no exterior chámase a quinta provincia, pero debería chamarse a provincia máis potente, xa que seguro que o é dende un punto de vista económico e de unión», sinalou na presentación do curso o relator Daniel Álvarez Lamas. «O outro día acudín a unha conferencia onde dixeron que, dunhas 200 relacións comerciais, case 188 se establecen por igualdade de cultura», comentaba o experto, unha afirmación que se considera vital no aspecto económico para «cada un dos compoñentes do pobo galego», que engloba os «representantes de todos os países». Álvarez Lamas sinalou tamén a importancia de que «cada representante estea organizado» para levar a cabo correctas políticas de xestión nos centros galegos. Estamos a vivir un fito, xa que os representantes da comunidade galega teñen cada vez máis idade e van necesitando máis apoio por parte das novas xeracións», estes mozos xa non teñen un vínculo directo con Galicia, senón máis ben con «as comunidades de galegos no exterior», polo que necesitan «reforzar» os lazos de unión.

Os testemuños dos participantes
Futuros directivos de Arxentina e de Uruguai, como o caso de Rodolfo ou Claudia, desprazáronse ata a cidade porteña para recibir as clases de liderado impartidas polos expertos da empresa galega QCoach «vimos para aprender e seguir todos unha mesma liña de traballo», comentaban uns alumnos dispostos a recibir as indicacións necesarias para levar, algún día, as rendas das institucións galegas no exterior. Todo o que estes aprendían os primeiros días era grazas aos diversos xogos e conversacións onde expoñían as súas propias experiencias e as súas metas de futuro. Este método de aprendizaxe chámase Qcoach e consiste en que os alumnos crean un forte equipo entre todos os participantes. Co tempo, este equipo pode manter os vínculos e crear comités de mellora, así como reunirse pola súa conta periodicamente para compartir a posta en práctica das novas habilidades. A motivación que provoca o feito de volver reunirse, reforza a aprendizaxe dos alumnos, que tamén contan con distintas técnicas que se explican detalladamente na web. As técnicas máis habituais destes profesionais son a realización de preguntas directas, os exercicios prácticos (estilo obradoiro), a narración de experiencias propias ou compartidas e a explicación de como se chegou a cada teoría, todo iso cun importante apoio multimedia. Un dos últimos puntos do programa é a preparación grupal de todos os alumnos para que estean listos á hora de levar á práctica diaria as ensinanzas adquiridas.

600 lecturas