As rutas do Camiño de Santiago, a tradición máis coñecida dentro e fóra de Galicia

  • Para moitos estranxeiros, a cidade de Santiago, así como as rutas que conducen ata ela, é o que máis coñecen da nosa comunidade.

Galicia 25. Unha cultura para ou novo século mostra unha imaxe da comunidade na última década que, para moitos estranxeiros, non coincide exactamente coa idea que eles tiñan antes de viaxar ata a terra de Rosalía de Castro.

Mari Pires é unha moza nacida en Río de Janeiro que veu ata a comunidade galega co obxectivo de completar os seus estudos. «Coñecía Galicia por parte do meu irmán, que dicía que era un sitio tranquilo, non como Brasil», sinala a estudante que viaxou ata a comunidade galega para rematar a súa formación. «A idea que tiña de Galicia era a dun sitio no que ía un pouco de frío, tiña bos deportistas e os seus habitantes lle daban moita importancia ao aspecto relixioso», comenta a carioca asentada na Coruña. María Alves, unha moza que veu a Galicia polo mesmo motivo formativo, ponse de acordo coa súa compañeira, Mari Pires en que «o Camiño de Santiago é unha das cousas que máis coñecía de Galicia» antes de vir a vivir á cidade. Tamén o Camiño de Santiago era do que «máis escoitaba falar no estranxeiro» antes de cruzar o charco.

«Só cando vives en España es consciente de como é cada comunidade, así de como son os seus trazos diferenciadores,» explica Alves. Sorpréndeme a súa identidade tan forte, a semellanza co brasileiro e a súa xente, que é moi aberta,» subliña a moza en canto se lle pregunta polos lazos de unión de Brasil e Galicia. Mari Pires xa coñecía a Universidade de Santiago de Compostela porque na Universidade onde estudou «tiñan unha especie de convenio» e, segundo esta última, a institución «está moi ben considerada, ao igual que a cidade que é moi agradable,».

Actualmente Galicia cambiou de rol: de ser un país exportador de emigrantes, a converterse, dende hai unhas poucas décadas, nunha sociedade receptora de fillos daqueles retornados. Moitos destes, son mesmo os netos dos primeiros que agora desexan regresar á terra dos seus parentes. Esta realidade aparece reflectida na mostra, que explica que co paso dos emigrados galegos polo mundo, as repúblicas latinoamericanas, que se estaban a forxar, foron moi influenciadas por personalidades galegas das letras, a política, a ciencia ou a economía. E destas influencias xunto coas pegadas que marcan este tipo de exposicións no exterior Galicia continua como lugar de referencia en todo o mundo.

649 lecturas