Os Cursos | Asociacionismo, participación e información xuvenil

Unha das novidades nesta edición de Escolas Abertas foi que por primeira vez se impartiu un curso sobre asociacionismo, participación e información xuvenil cunha única sede en Santiago de Compostela.

O curso de Asociacionismo, participación e información xuvenil, impartido en Santiago de Compostela, estivo dividido en tres bloques que incluían unha serie de nocións teóricas, combinándoo sempre coa práctica: información, participación e asociacionismo.

A primeira parte versou sobre todo en coñecer a situación actual do asociacionismo e a articipación da mocidade nel. A segunda parte basouse sobre todo na participación como ferramenta de cambio social e o deseño de estratexias para o fomento da participación. Por último, o bloque terceiro tratou a fondo a cuestión do asociacionismo, cómo se constitúe unha asociación, o seu planeamento estratéxico e a xestión dos seus proxectos. As expectativas que tiña este obradoiro eran moi boas, e non defraudou aos seus alumnos.

Adriana, da Unión de Sociedades Agrarias de Montevideo, é unha das persoas que participou neste curso de asociacionismo, que se impartiu ao igual que o resto de disciplinas en Compostela, no colexio La Salle. «Quixen participar neste curso porque para nós, que reunimos 12 centros galegos en Montevideo, é importante ver a problemática a nivel de xuventude. Tratar de buscar diferentes estratexias para conseguir que os novos se acerquen ás institucións e que desa maneira non morra o patrimonio que os nosos ancestros deixaron e que proxectaron cara un futuro tratando de que sempre existira».

O curso de asociacionismo permitiu a Adriana e ao resto dos seus compañeiros abrir un foro de debate para coñecer o xeito de vivir e organizarse nos países latinoamericanos e europeos. «Acercounos a diferentes realidades, á realidade de Europa, dos centros de Europa, que é totalmente distinta á realidade de América. Aquí partipa xente de Suiza, Arxentina, Uruguai, Chile e Venezuela. Os países latinoamericanos compartimos problemáticas semellantes. En cambio, os centros europeos, para eles é diferente».

Adriana comenta a dificultade de «motivar e acercar» ás xeracións máis novas aos centros.

O que si quedou patente entre os alumnos e profesores que participaron no curso de Asociacionismo foi a boa conexión que houbo entre todos, «o curso foi dictado dunha forma moi dinámica porque as profesoras, desde un principio, buscaron a integración de todo o grupo e deu a cada un o seu espazio para que se sintise representado y se puidese expresar con liberdade».

981 lecturas