A Galicia exterior, a un «clic»

Reportaxe

Os miles de quilómetros de distancia que separan un emigrante de Galicia hoxe xa se poden «percorrer» con apenas un toque de rato. A aparición de Internet, e principalmente das redes sociais, acurtou as distancias e uniu aos galegos que viven en diversas partes do mundo. A través de páxinas como Facebook, Tuenti, Twitter e tamén na blogosfera, creáronse verdadeiras comunidades virtuais de galegos que nestes espazos comparten as súas experiencias en países do exterior. A rede serve igualmente como unha útil ferramenta para a localización daqueles que viven fóra da comunidade e para os que buscan as súas orixes galegas. «As redes sociais son indispensables para os emigrantes, pois a través delas podes falar cos familiares, ler as noticias e sentir que aínda es parte de Galicia. Para nós é moi duro estar nun país tan diferente e á vez manter esta conexión», explica Carolina Alonso Espinet, presidente de cultura da Casa Galicia de Nova York.

Reencontros na rede. Vivindo en Estados Unidos dende 1983, Maricarmen Canosa creou a súa conta en Facebook inicialmente para poder controlar o que facía o seu fillo adolescente. Pero pronto lle colleu o gusto ás redes sociais. Hai unhas semanas empezou a falar cunha prima da súa nai, que vive en Suíza dende hai máis de 40 anos, e que logrou localizar por Facebook. «Eu tiña sete anos cando ela se foi do pobo e nunca mais volvín vela. Agora estamos a falar e recordando cousas da familia, de como nos foi a vida, dos seus netos, do meu fillo adolescente, etc... O máis curioso é que como as dúas vivimos no exterior, compartimos opinións similares de como esta Galicia e como vemos os galegos dende fóra», comenta Maricarmen.

Con tan só catro anos, José Luis Arias Caneda deixou a localidade de Ribas do Sil, en Lugo, a bordo do vapor Alcántara con destino a Arxentina. Grazas ás redes sociais, mantén contacto con persoas do seu pobo natal. «A través deles estou decatado de todo o que pasa en Villardonas, mesmo sobre as poucas persoas da miña familia que aínda quedan aí,» conta Arias. Por razóns de traballo, Luis Rodríguez Fernández tivo que vivir por moito tempo fóra de Galicia. Por iso, pasou a utilizar as redes sociais para contactar con outros galegos, amigos e familiares. A experiencia foille tan ben que creou un grupo en Facebook chamado Galegos polo mundo. «Para nós os que sempre fomos "cus inquedos" as redes sociais axúdannos moito a saber sobre a nosa terra, encontrar galegos no país que estás, a propagar a información rapidamente ou facer un chamamento masivo moi rápido», afirma Rodríguez.

Ler máis sobre isto...

  • María de los Angeles Fernández vive dende hai 25 anos en Chile e colabora co blog colectivo Global Galicia. «Creo que as redes sociais nos permiten manter o sentido de pertenza e de identidade galegos».
  • Maricarmen Canosa vive en Estados Unidos e encontrou por Facebook a unha prima da súa nai con quen non falaba dende os sete anos. «Agora estamos a recordar cousas da familia e de como nos foi a vida».
  • Durante moitos anos Luis Rodríguez Fernández viviu en Canarias, onde pasou a utilizar as redes sociais para contactar con amigos e familiares. É o fundador dun grupo en Facebook chamado 'Galegos polo mundo', que conta con máis de 500 membros.
  • Facebook é a principal rede social utilizada polos emigrantes galegos. Hai máis de 10 grupos creados para que os membros da Galicia exterior compartan informacións e experiencias.
  • Antonio Mariño, que vive en Alemaña, e Ánxel Folgueira utilizaron os seus coñecementos de informática para desenvolver Cabozo.com, unha rede social creada especialmente para curar a morriña daqueles que se foron de Galicia.

4413 lecturas