Francisco Sieiro: «En parte, aínda me sinto emigrante»

  • «Dende sempre consideráronse os inmigrantes como cidadáns de segunda e é un tópico que hai que desterrar. Xa que emigrar enriquece, e máis aínda nun contexto no que a Galicia contemporánea está a recibir inmigrantes, un claro exemplo para mirarnos ao espello e reflexionar,» sintetiza o historiador Francisco Sieiro.


Francisco Sieiro é fillo dun dos fundadores do Centro Español de Changuinola, de Bocas del Toro, en Panamá. A pesar do seu nome, no centro residían «un 100 por cento de galegos, todos da mesma Bisbarra, a de Carballiño e o 90 por cento do Concello de Boborás (Ourense)». Este último municipio perdeu, entre os anos 60 e 70 ata un 40 por cento da súa poboación debido á emigración masiva dos seus habitantes. Este feito chamou a atención dun historiador panameño de raíces galegas que dedicou a súa vida a estudar a emigración ao Istmo, un fenómeno que lle fixo reparar en «grandes historias únicas, enriquecedoras e dignas de ser contadas». Aquí, só hai unha pequena parte.

Que funcións tiña o Centro Español de Changuinola, de Bocas del Toro?
A diferenza da Sociedade Española de Beneficencia de Panamá, de máis de 100 anos de antigüidade, institución que tiña como labor fundamental a do Socorro e a de Beneficencia, a función do centro español de Changuinola era recreativa, lúdica e deportiva. O día grande do Centro era o 25 de Xullo, día de Galicia. O centro perviviu durante máis de 30 anos ata que o retorno masivo dos emigrantes fixo que pechase as súas portas e se utilizase tan só en momentos puntuais.

Foi a influencia da súa familia a clave que o motivou a dedicarse profesionalmente ao estudo da emigración en Panamá?
En efecto, nacín e vivín en Panamá ata os 9 anos, licencieime en Historia e especialiceime en Estudos Americanos, realizando o doutorado en Estudos Migratorios. É interesante esta investigación xa que a maioría dos estudos migratorios en Galicia se centran en Arxentina, Cuba, Venezuela ou México, e aínda que o volume de persoas non foi tan masivo como a eses países, posúe unha serie de peculiaridades que a fan moi característica e que difire en moitos puntos a outro tipo de migracións. Regreso moi a miúdo a Panamá e en parte síntome emigrante aínda. E como di a canción: ... non son de aquí nin son de alá...

Os plans que ten de futuro pasan por montar unha exposición co material que recompilou... segue en pé esa idea?
A miña principal meta é rematar a miña tese doutoral sobre a Emigración Galega a Panamá. Respecto á montaxe da Exposición, conto co apoio do Arquivo da Emigración Galega doC onsello da Culura Galega, ademais da Embaixada española de Panamá. Só falta o visto e prace da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, que son os que achegarían a maior parte do financiamento. A idea é que sexa itinerante, é dicir, que percorra todos os centros galegos de Panamá e que se expoña tamén en Galicia.

A que se dedicaban principalmente os galegos emigrados en Panamá e por que escollían ese destino minoritario? Tivo que ver coa famosa construción da Canle?
É moi interesante ver a evolución profesional dos galegos emigrados ao Istmo, efectivamente hai presenza de galegos na Construción da Canle hai case 100 anos, eran moi ben valorados e definidos polos enxeñeiros americanos encargados das obras como «moi traballadores». Moitos deles retornaron a Galicia, outros reemigraron a distintos países de América e só algúns quedáronse en Panamá.

É sobre todo nos anos 60 e 70 cando se produce a emigración masiva ao país centroamericano. Nesa época, as profesións eran diversas e moitos galegos empezaron de vendedores ambulantes, aínda que a maioría montaron os seus propios negocios en réxime de asociados, e só con outros galegos. O negocio maioritario na década dos 60 foi o das moblarías, chegando a exercer eles practicamente o monopolio. Os galegos eran coñecidos despectivamente como «mueblicultores», bastantes das mellores e máis antigas moblarías que a actualidade perviven en Panamá son de galegos.

E que foi agora daqueles emigrantes?
O fin último da maioría dos galegos asentados en Panamá era o retorno, como sinalou no seu día S. Baily: «A expectactiva de todo inmigrante, nunha primeira fase, é a de subsistir; pero o verdadeiro éxito consistía en obter un excedente permitíselles alcanzar os obxectivos polos que viñesen». Así, o seu fin último era aforrar e regresar a Galicia. E é que en Galicia a emigración aínda é unha ferida aberta xa que as migracións non son procesos lineais, é dicir, de ida e volta; senón circulares, de mobilidade de poboación. A maioría dos emigrantes regresaron á súa terra, a maior parte cumprindo os seus obxectivos iniciais, e moitos fixeron verdadeiras fortunas.

Na actualidade aínda quedan galegos en Panamá, segundo o Censo electoral de galegos residentes no estranxeiro, hai inscritos 1.874 (deles os 1.323 da provincia de Ourense). Xa que aínda permanece alí instalada unha importante comunidade, a maioría rexentando negocios que van pasando de pais fillos, aínda que moitos deses «pais» estean a gozar da súa xubilación en Galicia.

Os costumes non se perden, moitos dos que aínda permanecen alí regresan a miúdo. Ademais, visitei todo o país e charlado con moitos galegos e o arraigamento á terra é moi forte; nun país tan exótico e pequeno como é Panamá, aínda segue soando a gaita, segue comendo polbo e churrasco e escoitando «maloserá» en moitos dos seus cantos.

Seguro que durante a súa investigación encontrou testemuños sorprendentes...
Unha das vantaxes coas que conto na miña investigación é que a miña fonte principal é a historia oral, é dicir, o testemuño vivo dos artífices desa emigración. Todas esas historias son únicas, enriquecedoras e dignas de ser contadas, e sería un erro non mencionalas todas. Gústame resaltar que onde hai un galego, alí está Galicia. Dende sempre consideráronse os inmigrantes como cidadáns de segunda e é un tópico que hai que desterrar. Xa que emigrar enriquece, e máis aínda nun contexto no que a Galicia contemporánea está a recibir inmigrantes, un claro exemplo para mirarnos ao espello e reflexionar.

654 lecturas