Eventos e actos da Casa de Galicia promoven a cultura Galega en Madrid

Tres exposicións de tres pintoras galegas acaparan ata finais de decembro as salas da Casa de Galicia.

Tres artistas galegas, Raquel Blanco, Clara Folgueira e Galia Blanco, expoñen as súas obras ata finais de decembro na Casa de Galicia de Madrid. A primeira delas é nativa de Loxo-Touro (A Coruña). No ano 1969 trasládase a Santiago de Compostela para realizar estudos de bacharelato á vez que acode á Escola de Artes Maestro Mateo. É nesta mesma cidade onde, continuando cos seus estudos, obterá a diplomatura en Enfermería e a licenciatura en Psicoloxía. En Santiago reside actualmente, onde desenvolve o seu labor profesional. As pinturas de Raquel Blanco ofrecen ao público unha mostra da súa cotidianiedade na que se serve dos medios que a natureza lle brinda e que logo ela selecciona e trata nos seus espazos de poesía e cor.

Clara Folgueira naceu en A pastoriza (Lugo), pero con tan só un ano trasladouse a vivir a Arxentina, onde cursou os estudos de Medicina, Maxisterio e Pintura. Cores cálidas e paisaxes suaves son dous dos rasgos máis característicos da súa obra e traxectoria pictórica, que se pode contemplar baixo o nome «Ausencias».

Galia Blanco (Santiago de Compostela) retoma na súa exposición «Agropop. Os cabaleiros prefírenas louras» da Casa de Galicia a estética pop. Galia toma a Galicia como pretexto para proxectar o pensamento rural ao mundo urbano (de onde xurdiu o Pop) e eleva a fragmentariedade icónica a un argumento narrativo impactante na vida: a vaca e o automóbil, elementos do Pop clásico, nacionalízanse na vaca marela e no tractor, respectivamente.

Máis alá da pintura
Pero non só de exposicións de pintores galegos se nutre esta entidade. Recentemente presentaron unha conferencia titulada «O humorismo en Galicia» na que participou Moncho Borrajo e un recital poético dos poetas Antón Reixa e Luis Antonio de Villena. Este recital enmárcase no Ciclo «Estacións Poéticas-biloxías» que modera o escritor e crítico literario, Vicente Araguas.

Todos os eventos que teñen lugar na sé da Xunta Galicia en Madrid son ben acollidos polo público. Tal e como indica o seu director Alfonso S. Palomares, «os actos reúnen a moita xente, os hai que xuntan a 150 ou mesmo 200 persoas».

850 lecturas