A Xunta valora que a Comisión Europea aposte polo mantemento das axudas europeas a Galicia máis alá de 2014

A Comisión Europea presentou o xoves os novos regulamentos concretos que rexerán a política de cohesión no seguinte período financeiro 2014-2020.

Segundo a proposta do Executivo comunitario, á Comunidade galega corresponderíalle a partires de 2014 dous terzos da axuda que recibe na actualidade.

A Xunta recorda que é un paso máis e seguirá traballando para que esta axuda se faga efectiva.

Listen to this page using ReadSpeaker
8 de outubro de 2011.

A Xunta de Galicia valora moi positivamente que a Comisión Europea confirme a súa postura de que as rexións que deixen de ser Obxectivo Converxencia a partir de 2014 -como Galicia- sigan a recibir dous terzos dos fondos europeos ata 2020.

Así o propuxo este xoves o comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, despois de que o Executivo comunitario presentara os novos regulamentos concretos que rexerán a política de cohesión no seguinte período financeiro 2014-2020. Nestes regulamentos proponse que Galicia, Andalucía e Castela a Mancha conserven ata dous terzos das axudas actuais.

A noticia confirma o xa manifestado pola Comisión o pasado mes de xuño, cando o Colexio de Comisarios adoptou a proposta lexislativa relativa ao marco financeiro da UE para os seguintes 7 anos. Esta proposta global -agora traducida a regulamentos concretos- xa prevía a creación dunha “rede de seguridade” que outorgaría unha dotación financeira transitoria ás rexións que deixen de ser Obxectivo Converxencia a partir de 2014.

O Goberno galego amosa a súa satisfacción por este novo paso adiante e seguirá traballando para que esta axuda se faga efectiva, posto que o debate continúa e son o Parlamento e o Consello Europeo as dúas institucións que deberán aprobar o texto final antes de finais de 2012.

Cara a unha axuda transitoria
A Xunta de Galicia iniciou unha estratexia de defensa desta axuda transitoria hai máis de dous anos co lanzamento da iniciativa CROWC (Convergence Regions on the way to cohesión), liderada por Galicia e que agrupa a 18 rexións que se atopan na mesma situación que a nosa Comunidade.

A configuración desta plataforma, presentada polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en outubro de 2009 en Bruxelas, amosou aos presidentes da Comisión Europea e do Parlamento Europeo a necesidade de apoio financeiro para facer fronte a importantes déficits estruturais así como para acadar os obxectivos da estratexia “Europa 2020”.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia integrou os obxectivos da devandita estratexia europea na súa nova estratexia política (Plan estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020), tras conseguir o acordo con todas as forzas políticas e interlocutores sociais galegos. Ademais, xunto coa Fundación Galicia Europa, presentou as súas propostas na consulta pública aberta sobre o “Quinto informe da cohesión económica, social e territorial da UE”.

Nas súas reunións na capital belga, os políticos galegos teñen solicitado este apoio ás rexións “intermedias” a dirixentes comunitarios coma Johannes Hahn, comisario de Política Rexional, e a Joaquín Almunia, vicepresidente e comisario responsable de Competencia. Ademais téñense organizado encontros coma o seminario de alto nivel “Unha política de cohesión para todos”, onde Danuta Hübner, presidenta da comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, mostrou o seu apoio á demanda galega.

Para defender igualmente os fondos transitorios, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, acudiu ao V Foro da Cohesión, dedicado ao debate sobre o futuro desta política, e, pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, defendeu os intereses galegos a partir de 2014 nun recente seminario organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal.

Por outra banda, co fin de coordinar unha posición común a nivel nacional, os representantes políticos galegos mantiveron diferentes contactos coas outras comunidades autónomas afectadas pola saída do obxectivo “Converxencia”: Andalucía e Castela-A Mancha.

942 lecturas