A XUNTA SALIENTA A IMPORTANCIA DAS PERSOAS MIGRANTES NA HISTORIA E CULTURA DA HUMANIDADE

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017.

Se o Día da Persoa Migrante ten sido ao longo da historia unha data sempre importante para Galicia, hoxe o é aínda máis. Porque logo de  moitos anos de despedir familiares, amizades e persoeiros fundamentais para o devir do país, por fin volvemos darlles a benvida. Moitas e moitos dos centos de milleiros de galegos e galegas que un día tiveron que partir en busca dunha vida mellor regresan agora esperando gozala aquí. E con elas e eles traerán, como fan sempre as e os migrantes, máis coñecemento, máis culturas e infinitamente máis riqueza inmaterial da que levaron cando partiron. Porque son elas e eles os máis importantes transmisores do que une aos pobos, os que atesouran os segredos para aproveitar o que os diferenza, e os que serven de recordatorio permanente de que por riba de calquera raza, nacionalidade ou país, somos todas e todos humanos.

Deixar a terra que o viu nacer, facerse cidadá ou cidadán de pleno dereito e sentimento doutra nova, a de acollida, e seguir a manter os vínculos con ambas dun xeito tan intenso como o fan os galegos e as galegas que nos representan desde calquera parte do mundo é, cada día máis, un mérito que nin os gobernos nin ningunha outra Administración pode esquecer. Por iso, Galicia seguirá a traballar sen descanso e cargada de ilusión e convicción neste novo reto de agradecer o traballo dos galegos e as galegas que están fóra da comunidade, e de recibir cos brazos abertos aquelas e aqueles galegos que deciden emprender a viaxe de volta e ás e aos fillos e netos dos que a protagonizaron unha vez e queren facer realidade, en moitos casos, o soño das e dos que quixeron regresar e, por un millón de motivos diferentes, non o fixeron. Aínda que Galicia os espere sempre.    


José Manuel Rey Varela, conselleiro de Política Social
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración

370 lecturas