A Xunta pon en marcha o Programa Talento Sénior para impulsar o retorno de investigadoras e investigadores cunha traxectoria consolidada

Sinala que o obxectivo é chegar a unhas 15 contratacións, nove reservadas a empresas e seis a organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos, cun investimento inicial dun millón de euros.

Precisa que as entidades interesadas contarán cun incentivo de 64.000 euros por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos e o ou a profesional cun salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade.

Trátase dunha das 50 medidas da Estratexia Retorna 2020 aprobada polo Goberno Galego este pasado mes de abril
Trátase dunha das 50 medidas da Estratexia Retorna 2020 aprobada polo Goberno Galego este pasado mes de abril
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte na rolda de prensa do Consello da posta en marcha do novo Programa Talento Sénior para impulsar o retorno de investigadoras e investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas na área de I+D+I. Desenvolverán, dixo, proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitario e centros tecnolóxicos.

Durante a súa intervención, Feijóo precisou que esta iniciativa está dirixida a persoas con máis de cinco anos de experiencia, co obxectivo de chegar a unhas 15 contratacións e cun investimento inicial de preto dun millón de euros, ampliable.

Deste xeito, as entidades interesadas contarán cun incentivo de 64.000 euros por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, e deberán achegar á ou ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade.

Así mesmo, a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, esixe a excelencia das propostas, e só se terán en conta aquelas que alcancen unha puntuación mínima do 60% do total dos puntos establecidos no baremo.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta subliñou que entre outros criterios, valorarase: o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, a presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persoa contratada sexa muller e as contratacións indefinidas.

Co fin de estimular a demanda de profesionais de alta cualificación tanto no sector público como no privado, Feijóo aseverou que dos 15 contratos previstos para este ano, nove están reservados a empresas e seis a organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos. E o programa terá carácter retroactivo, de xeito que poderá optar o persoal que se incorporase a entidade beneficiaria da axuda desde o pasado un de xaneiro.

Cómpre subliñar que este novo programa está incluído no Plan Galicia Innova e compleméntase con outros como o Oportunius ou o programa Principia, que ten permitido desde a súa posta en marcha a incorporación de 372 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades.

252 lecturas