A Xunta introduce un aumento do 25% nas axudas do programa Aprol Economía Social para as e os emigrantes retornados co fin de fomentar o emprendemento colectivo

A convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria está dotada con 1,8 millóns de euros e busca fomentar o emprego, apoiando a incorporación de novos socios e socias con axudas que poden alcanzar os 67.500 euros por entidade.

A Administración autonómica, a través da Axenda 20, conta para 2018 cun orzamento que supera os 17 millóns de euros, un 3,4% máis que en 2017, para fortalecer a economía social e mellorar a súa competitividade. 

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018.

A Xunta de Galicia introduce este ano un complemento específico para as e os emigrantes retornados dentro das axudas do programa Aprol Economía Social, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano 1,8 millóns de euros para apoiar o emprendemento colectivo. O incentivo fixado para os galegos e galegas que veñan de regresar á comunidade autónoma é dun 25%, acumulable a outros supostos que poden chegar a incrementar a contía total da axuda ata o máximo establecido na orde, publicada o 25 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Incentívase dun lado, ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen a novas e novos socios con axudas de ata 15.000 euros por cada persoa incorporada, sendo o máximo por entidade de 67.500 euros. Doutra banda, apóiase ás persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos que máis o necesitan, para que se incorporen ás cooperativas e sociedades laborais, financiando a achega ao capital social obrigatorio e cotas de ingreso con ata 15.000 euros. A estas axudas tamén poden acollerse as persoas que inician unha actividade por conta propia e se incorporan a unha cooperativa para a comercialización ou obtención de servizos. 

A Xunta prevé beneficiar con estas axudas a 150 persoas sen emprego que atoparán un traballo a través dunha cooperativa ou sociedade laboral e a 50 entidades que amplíen o número de persoas asociadas. 

Este programa inclúe novidades con respecto ao ano pasado: amplíase o prazo de solicitude dos apoios, ata o 1 de outubro (o pasado ano o prazo foi dun mes); e as axudas aumentarán nun 25% para as persoas maiores de 45 anos e para as e os emigrantes retornados. 

Esta actuación contribúe a impulsar a economía social e a súa competitividade e a fomentar o autoemprego en Galicia, un dos retos principais da Axenda 20, coa que o Goberno autonómico está impulsando o emprego estable na Comunidade. A iniciativa forma parte tamén da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, a través da que en 2018 se investirán máis de 17 millóns de euros para impulsar a economía social, o que supón un 6,4% máis que este ano. Outras axudas que sairán publicadas no DOG proximamente serán os apoios para as entidades da Rede Eusumo, con 1,25 millóns, para seguir promovendo a realización de actividades de fomento deste sector; e apoios para as entidades asociativas (asociacións de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral) con 290.000 euros.

Ademais, a Xunta para este sector conta cun fondo de XesGalicia dotado con 5 millóns para financiar novos proxectos neste ámbito. 

En xeral, estes programas enmárcanse no labor de fomento e promoción que vén realizando a Xunta no eido da economía social con diversas ferramentas como a Lei 6/2016, do 4 de maio, da Economía Social de Galicia, que aprobou o Goberno galego para poñer en valor a este sector impulsando un modelo de desenvolvemento económico, social, equilibrado e sustentable. 

674 lecturas