A Xunta intensificará a súa colaboración coas entidades galegas presentes en Venezuela se aumentan as necesidades

Miranda recibiu hoxe, venres 17, en audiencia ao presidente e ao secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, unha das colectividades máis numerosas da diáspora galega en todo o mundo.

Á marxe das axudas xerais para a Galicia do Exterior, Emigración desenvolve medidas específicas para axudar a paliar as situacións máis delicadas detectadas polas propias colectividades galegas no país.

  • De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión de esta mañá en Santiago de Compostela
    De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión de esta mañá en Santiago de Compostela
  • De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    De esquerda a dereita: González, Miranda e Alejandro, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
  • De esquerda a dereita: Alejandro, González e Miranda, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    De esquerda a dereita: Alejandro, González e Miranda, durante a reunión mantida esta mañá no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

Enmarcada na permanente e especial atención do seu departamento á situación que atravesa a colectividade galega en Venezuela, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe venres día 17 en audiencia ao presidente e ao secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Roberto González e José Antonio Alejandro, respectivamente.

Miranda e os dous directivos da Hermandad repasaron a actualidade do país e o funcionamento dos diversos programas e liñas de actuación que a Xunta desenvolve naquel país coa activa colaboración das comunidades galegas, e estudaron as posibles vías para intensificar e optimizar esa colaboración, especialmente nos casos de situacións máis delicadas detectadas polas propias colectividades: “As comunidades galegas son os nosos ollos e mans sobre o terreo, sen o seu concurso a nosa axuda non podería chegar aos seus destinatarios naturais, na maioría dos casos”, afirma Miranda.

O Goberno galego segue con especial atención os acontecementos en Venezuela, e está en permanente contacto coas comunidades galegas asentadas no país, de entre as que a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas é a máis numerosa.

Diversas liñas
O investimento que a Xunta realiza para axudar aos galegos e galegas de Venezuela desenvólvese en diversos eixos. Por unha banda, a través das achegas directas individualizadas, que no ano 2016 axudaron a 195 familias; os convenios sociais e asistenciais con entidades que actúan alí, e acollida en institucións de coidado a persoas galegas: aténdese directamente en territorio venezolano a máis dun millar de galegos e galegas, en colaboración con diferentes institucións; a través das axudas ao retorno emprendedor, que axudaron á creación de medio cento de empresas por parte de empresarias e empresarios e autónomos que volveron á terra, entre quen as e os procedentes de Venezuela son o grupo máis numeroso; así como os programas específicos para a mocidade e maiores na diáspora, entre cuxas beneficiarias e beneficiarios son número destacable os residentes en Venezuela. O orzamento destinado para Venezuela a estas liñas en 2016 ascendeu a máis de 600.000 euros, e prevese a posibilidade de reforzar esa partida orzamentaria se for necesario.

Todas estas actuacións da Administración autonómica non serían posibles sen o esforzo diario de directivas, traballadoras e traballadores e voluntarias e voluntarios das comunidades galegas presentes no país. Segundo consta no Rexistro da Galeguidade a data de hoxe, existen arestora en Venezuela entidades con sede en Caracas, Maracaibo, Valencia e Puerto La Cruz.

A Hermandad Gallega
A Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas conta con máis de 25.000 familias galegas asociadas, e configúrase coma unha das entidades cívicas e sociais máis importante da República de Venezuela. Posúe dúas sedes, a principal en pleno centro da capital venezolana, que acolle o Centro de Día ‘Santiago Apóstol’ no que se atende a maiores case todos e todas de procedencia galega, o Colexio ‘Castelao’ de ensino primario e secundario, instalacións sanitarias con consulta diaria, servizos de urxencia e farmacia, e tamén unha oficina de atención socio sanitaria en colaboración coa Xunta.

Ademais, conta cunha importante biblioteca con máis de 5.000 volumes, e fomenta  actividades musicais (dous grupos de gaita e tres de baile, máis unha coral), culturais, lúdicas e deportivas (equipos de fútbol en quince categorías, ademais de conxuntos de fútbol sala, baloncesto, voleibol, e natación) relacionadas con Galicia e a súa diáspora.

A ‘Hermandad’ naceu en 1960 froito da fusión do Lar Galego, da Casa de Galicia e do Centro Galego, e nos seus 57 anos de existencia foi medrando tanto na súa cantidade de socias e socios (desde os 800 iniciais) coma na carteira de servizos prestada á colectividade, ata converterse arestora no referente fundamental da vida social e cultural de Caracas.

Máis de 46.000 galegas e galegos
Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, dos cales 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

1385 lecturas