A Xunta inclúe as e os emigrantes retornados como colectivo prioritario para o acceso aos obradoiros duais, que integran formación e emprego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases das axudas para estas iniciativas, cuxo prazo de solicitudes pecha o 25 de xuño.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reserva 5 millóns para obradoiros relacionados co sector forestal e outros 3 para os vencellados ás rutas de peregrinación do Camiño de Santiago.

Esta oferta combina un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018.

A Xunta de Galicia inclúe as e os emigrantes retornados como colectivo prioritario para o acceso aos obradoiros duais deseñados para facilitar a formación e o emprego de 2.000 persoas, especialmente no eido forestal e en áreas vinculadas á posta en valor das rutas do Camiño de Santiago. Esta oferta educativa e de inserción laboral combina un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses (que xa se ofrecía ata agora) cun contrato en prácticas durante un mínimo de tres meses máis nunha empresa localizada no ámbito territorial onde se celebre o obradoiro e que traballe en áreas vinculadas co seu contido.

O investimento desta convocatoria será de 30 millóns durante este ano e o vindeiro, un 50% máis que na convocatoria anterior, co obxectivo de mellorar a empregabilidade de 2.000 galegas e galegos.

Os obradoiros terán dous ámbitos prioritarios: o sector forestal, para o que se reservarán 5 millóns de euros para obradoiros relacionados coa cadea de valor do bosque, coa construción de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e coa vixilancia contra os lumes forestais. En segundo lugar, destinaranse 3 millóns de euros para obradoiros que teñan como obxectivo a conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago.

Certificado de profesionalidade
Así mesmo, outra das novidades desta convocatoria é que se abre ás entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, xa que ata agora só podían concorrer a elas os concellos, asociacións de entidades locais e mancomunidades. Ademais, terán prioridade para estas axudas os Concellos Emprendedores.

As e os participantes nos obradoiros seguirán recibindo, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. E terán acceso prioritario os desempregados e desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral, nos que se inclúen, ademáis das e dos emigrantes retornados, os seguintes colectivos: mozos e mozas menores de 30 anos; mulleres, especialmente as que sexan vítimas de violencia de xénero; persoas paradas que esgotasen a prestación; paradas e parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social; e, salvo os obradoiros de maior especialización, as persoas sen títulos universitarios ou de FP superior.

A iniciativa porase en marcha a partir de setembro e terá unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade das e dos seus participantes; contribuír a mellorar as dotacións públicas e de uso público alá onde se desenvolven; e impulsar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.

1004 lecturas