A Xunta fomenta con incentivos específicos a contratación indefinida de mulleres emigrantes retornadas

O prazo para a presentación de solicitudes ás axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria pechará en outubro e estímase que preto de 200 mulleres atopen un traballo de calidade.

O plan, incluído dentro da Estratexia Retorna 2020, inclúe un bono de 7.000 euros por cada desempregada que a compañía contrate e axudas á formación de 1.000 euros por persoa para mellorar os coñecementos e habilidades relacionados co posto laboral.

Os apoios aumentarán nun 25% se as beneficiarias son maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou se a empresa está emprazada no rural, polo que a contía máxima pode chegar ata os 13.250 euros por persoa.

O plan está incluído dentro da Estratexia Retorna 2020
O plan está incluído dentro da Estratexia Retorna 2020
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.

A Xunta de Galicia fomenta con incentivos específicos o emprego para as emigrantes retornadas a través do programa de axudas para a contratación indefinida de mulleres desempregadas, ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 1,5 millóns de euros para que preto de 200 beneficiarias poidan atopar un traballo de calidade. Con esta actuación estímase apoiar a súa inserción laboral a través de 150 empresas.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes rematará o 1 de outubro de 2018. As solicitudes polas contratacións subvencionables realizadas entre 1 de xaneiro 2018 e a data da publicación desta orde (o 27 de xuño) deberán presentarse no prazo de dous meses, é dicir, ata o 27 de agosto.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles: un bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha axuda para os contratos indefinidos iniciais realizados con mulleres desempregadas; e un bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Os dous tipos de axudas suman 8.000 euros: o bono de contratación será de 7.000 euros e o de formación de 1.000 euros.

Un 25 % máis para as retornadas
No caso dos apoios á contratación, o bono de 7.000 euros incrementarase nun 25% para as mulleres maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Son supostos acumulables entre si, polo que a axuda máxima deste programa, tendo tamén en conta o bono formativo, pode chegar a 13.250 euros por muller contratada.

A acción formativa, pola súa banda, deberá ter lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e dentro da xornada laboral establecida no dito contrato.

O obxectivo desta nova iniciativa é dar resposta ás dificultades que atopa o colectivo feminino na súa inserción e permanencia no mercado de traballo. Ademais, para loitar contra a desigualdade laboral, as mulleres contan con preferencia nos diferentes plans de formación e mellora da empregabilidade da Xunta, dispoñendo dun 25% máis de axuda nos incentivos á contratación.

Así mesmo, a Administración autonómica está a desenvolver o plan Emprega en feminino, no que se enmarca este programa, e que constitúe a planificación do Goberno galego para impulsar o papel da muller no mercado de traballo.

784 lecturas