A Xunta estende a Tarxeta Benvida ás fillas e fillos de persoas emigrantes retornadas

A Consellería de Política Social destina 36 millóns de euros a esta axuda, que alcanza os 1.200 euros.

A medida amplíase ata que o neno ou nena cumpra 3 anos para aquelas familias cuxa renda anual sexa igual ou inferior a 22.000 euros.

As e os residentes no exterior que regresen a Galicia deben solicitar a axuda dentro dos dous meses posteriores ao nacemento ou adopción do fillo ou filla ou, no seu caso, da súa chegada.

As e os residentes no exterior que regresen a Galicia deben solicitar a axuda dentro dos dous meses posteriores ao nacemento ou adopción do fillo ou filla ou, no seu caso, da súa chegada
As e os residentes no exterior que regresen a Galicia deben solicitar a axuda dentro dos dous meses posteriores ao nacemento ou adopción do fillo ou filla ou, no seu caso, da súa chegada
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2018.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para os nenos e nenas nados en 2018 e a súa ampliación ata os 3 anos para as rendas familiares ata os 22.000 euros anuais. O novo regulamento tamén facilita as condicións para facela extensiva ás persoas que retornen durante o ano 2018. Deste xeito, o Goberno galego consolida o apoio económico aos pais e nais que decidan ter un neno ou nena e o estende durante os tres primeiros anos de vida deste ou desta para as familias con este nivel de ingresos.

Para facer efectiva esta medida de apoio á natalidade, a Xunta reserva un gasto plurianual de case 36 millóns de euros entre os anos 2018 e 2021 co obxecto de regular a concesión desta achega económica destinada a contribuír a sufragar os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla. 

Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1200 euros a razón de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla, que se ingresará nun ou dous pagos anuais coa contía que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos. Terán dereito a esta tarxeta aquelas familias cuxa renda anual non supere os 45.000 euros ou, nos casos en que si se supera esta cifra, cando a renda per cápita non sexa superior aos 13.500 euros ao ano.

Así mesmo, para aquelas familias con renda anual igual ou inferior a 22.000 euros a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos nas seguintes contías: 600 euros anuais, a razón de 50 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o primeiro; 1200 euros anuais, a razón de 100 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o segundo; e 2400 euros anuais, a razón de 200 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos. Nestes casos, as achegas faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos.

Galegas e galegos residentes no exterior 
Recóllese ademais, como novidade, a consideración das especiais circunstancias dos galegos e galegas que residindo no exterior decidan volver a Galicia no ano 2018, para que poidan optar á axuda. Así, se o fillo ou filla nace antes do retorno, disporán dun prazo de dous meses desde o seu regreso para solicitar a axuda fronte ao prazo xeral de dous meses desde o nacemento ou ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.

A Tarxeta Benvida está destinada a atender os gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena como leite e outros alimentos, cueiros, roupa, berces, artigos de paseo e de viaxe, produtos de hixiene ou farmacéuticos. Deste xeito, a tarxeta pode usarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.

Estímase que a percibirán 8 de cada 10 familias galegas e que se beneficiarán en torno a 15.000 nenos e nenas, dos cales arredor de 9000 a recibirán ata que cumpran os tres anos naqueles casos en que a renda familiar sexa inferior a 22.000 euros.

Orzamentos e beneficiarias e beneficiarios 
A consolidación e ampliación da Tarxeta Benvida supón un gasto total de 35.957.576 euros distribuído en catro anualidades, correspondendo 9 millóns de euros ao exercicio 2018; 13.843.676 euros ao 2019; 8.742.600 euros ao 2020 e 4.371.300 euros ao 2021.

Este é o terceiro ano que o Goberno galego convoca esta axuda, que forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), unha proposta global que persegue dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo desde o primeiro momento.

Os datos de familias beneficiaras da Tarxeta Benvida nos seus dous primeiros anos de existencia son de 14.878 usuarios e usuarias en 2016 e de 12.291 a decembro de 2017. Esta última cifra incrementarase ata chegar a un volume similar ao de 2016, tendo en conta que os pais e nais teñen un prazo de dous meses desde o nacemento para solicitar a axuda polo que se presentarán novas solicitudes ata finais de febreiro de 2018.

O obxectivo do Executivo autonómico é converter a Galicia nun referente de servizos de apio á familia e á infancia. De feito, ao abeiro do PAN, as familias poden acollerse a toda unha serie de vantaxes, entre outras: deducións fiscais por nacemento ou adopción de fillos ou fillas, a prestación de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo ou filla que acuda ao mesmo centro daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar, e de cara ao vindeiro curso escolar está previsto aplicar unha bonificación nas escolas infantís do 25% para o segundo fillo ou filla e do 50% nos sucesivos fillos ou fillas.

Ademais, a Xunta está a impulsar unha ampla rede de recursos de conciliación e atención a infancia, con máis prazas públicas ou financiadas con recursos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos, a apertura de escolas infantís en polígonos industriais, a posta en marcha de Casas Niño nos concellos rurais ou os programas Bono Coidado e Bono Concilia.

Na actualidade, Galicia ten unha ratio de cobertura superior ao 40% en prazas en escolas infantís para nenos e nenas de 0 a 3 anos, superando en 7 puntos a ratio aconsellada pola Unión Europea. 

840 lecturas