A Xunta establece acordos coas sociedades galegas en Cuba no eido sociosanitario e impulsa proxectos xuvenís na illa

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron a Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla, onde asinaron un convenio de colaboración para a posta e marcha dun centro de día.

A mandataria e o mandatario galegos mantiveron un encontro coas e cos presidentes dos centros e sociedades galegas da Habana.

Mato e Miranda, a quen acompañou o embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, inauguraron na Habana o ’I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’.

Tamén inauguraron a mostra fotográfica ‘Nós mesmos’ no Centro Galego da Habana. 

  • Imaxe do `I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’
    Imaxe do `I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’
  • Na foto, momento da sinatura do convenio de colaboración para a posta en marcha dun Centro de día
    Na foto, momento da sinatura do convenio de colaboración para a posta en marcha dun Centro de día
  • A conselleira de Traballo e Benestar e o secretario xeral da Emigración inauguraron a mostra 'Nós mesmos'
    A conselleira de Traballo e Benestar e o secretario xeral da Emigración inauguraron a mostra "Nós mesmos"
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana, 8 de xuño de 2014.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, veñen de establecer na Habana acordos coas sociedades galegas en Cuba en materia sociosanitaria, ao tempo que animaron á mocidade a impulsar proxectos xuvenís entre a illa e Galicia.

Mato e Rodríguez Miranda visitaron na Habana a Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla e mantiveron un encontro coas e cos presidentes dos centros e sociedades galegas da Habana na Sociedade Cultural Rosalía de Castro, onde a titular de Benestar destacou que se debe seguir a impulsar políticas dirixidas ás e aos maiores residentes en Cuba, como os programas de reencontros, que posibilitan o regreso a Galicia durante uns días das e dos maiores cubanos para estar cos seus familiares e amizades.

Así mesmo, asinouse un convenio de colaboración coa Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla e a Federación de Sociedades Galegas de Cuba para a construción dun centro de día. A Xunta colaborará con 40.000 euros para a posta en marcha deste servizo social, que se emprazará nas instalacións da Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla. A infraestrutura será dirixida e xestionada pola Federación de Sociedades Galegas de Cuba.

Neste futuro centro de día promoverase o benestar integral das persoas maiores e as súas familias, favorecendo a súa integración e participación na sociedade. Para iso, organizaranse no centro actividades de estimulación e prevención da dependencia, ofertándose ás e aos usuarios atención social individualizada e alimenticia, a través dun comedor que estará subvencionado, así como atención á saúde e integral con programas de rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional.

Destinatarias destes programas serán as persoas de orixe galega ou descendentes destes ata o primeiro grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes na provincia da Habana.

Encontro de mozos e mozas
Doutra banda, a mandataria e o mandatario galegos, a quen acompañou o embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, inauguraron na Habana o ’I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos,’ onde animaron á mocidade galega en Cuba a emprender e comprometéronse a impulsar proxectos xuvenís entre Cuba e Galicia.

A titular de Traballo e Benestar animou ás e aos máis de 150 mozos e mozas galegos, que participaron no Encontro, a emprender e participar en asociacións xuvenís en Cuba, así como a compartir proxectos con organizacións xuvenís de Galicia no marco do programa europeo Erasmus +. Neste senso, Mato comprometeuse a impulsar proxectos que poidan xurdir desta posible colaboración co obxectivo de “contribuír á educación non formal a ambos lados do océano”.

Así mesmo, a conselleira sinalou que a mobilidade e o intercambio de experiencias con mozos e mozas doutras rexións e países contribúen ao desenvolvemento entre a mocidade de valores como a convivencia, a tolerancia o traballo en equipo, entre outros. Neste senso, deu a coñecer os programas de mobilidade que promove o Goberno galego con Europa e os países hispanoamericanos, e apuntou a súa intención de incrementar estes intercambios co obxectivo de “estender o coñecemento mutuo entre a mocidade galega e cubana e fortalecer os lazos de unión”.

A titular de Benestar, ademais, destacou a importancia de que a mocidade galega en Cuba siga a alimentar “a galeguidade” na illa, liderando as numerosas sociedades galegas que existen en Cuba, unha actuación que contará, segundo resaltou Mato, co apoio da Xunta. “É importante que os mozos e mozas estean preparados para tomar o relevo das xeracións actuais e liderar os centros e sociedades galegas no exterior”, subliñou.

Por último, resaltou na necesidade de promover o voluntariado ao fomentar a solidariedade, a madurez e a capacidade de inclusión e integración, facendo fincapé no voluntariado que se centra na mellora do benestar das persoas maiores. Neste senso, indicou que un dos obxectivos da Xunta é promover espazos de solidariedade interxeneracional, unha iniciativa que se ofrecerá no futuro Centro de Información Xuvenil da Habana. 

Pola súa parte, o secretario xeral salientou a importancia do papel dos mozos e mozas galegos residentes en Cuba, “garantía da continuidade do asociacionismo galego na illa”. Rodríguez Miranda fixo fincapé na formación e no voluntariado como eixos fundamentais de traballo neste campo: “A solidariedade forma parte da nosa esencia como pobo. Non debedes esquecer a débeda que tendes cos vosos maiores, acompañalos, prestarlles atención, atendelos, axudar a mellorar a súa calidade de vida, son tarefas esenciais”, afirmou o máximo responsable galego en materia de Emigración.

A visita á Habana rematou o sábado no Centro galego da Habana, onde a e o mandatario galegos inauguraron a mostra fotográfica Nós Mesmos. Asociacionismo galego na emigración. Esta exposición permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora. En definitiva, Mato concluíu asegurando que “é esencial seguir a reforzar os nosos vínculos e apoiar o benestar de todos os galegos, independentemente de onde residan”, apuntou.

703 lecturas