A Xunta e o Goberno de México poñen en común a importancia de fortalecer as relacións comerciais e de investimento

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse co ministro de Economía do Goberno de México e participou na celebración do X aniversario da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal).

Conde sinala que o encontro foi unha oportunidade para intensificar o diálogo institucional e identificar sectores de colaboración de cara ao futuro en eidos como a automoción ou o contract.

México ten unha sólida reputación nos ámbitos da automoción, o eléctrico-tecnolóxico ou o químico, sendo o país con maior investimento en manufactura aeroespacial e o sexto que máis destina a I+D+i.

Asegura que as vantaxes administrativas e fiscais que a Lei de implantación empresarial pon ao alcance das empresas interesadas en afincarse en Galicia nos identifica como unha Comunidade que tende pontes ao investimento.

Destaca que o traballo das empresarias e os empresarios galegos en México é o que dá unha maior visibilidade aos nosos produtos, á nosa forma de traballar, e á calidade e á fiabilidade que definen a industria galega.

O conselleiro pechará a súa axenda institucional en México cun encontro que manterá esta tarde co director xeral adxunto de Enerxías Renovables da Secretaría de Enerxía, Luis Alfonso Muñozcano.

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co ministro de Economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co ministro de Economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co ministro de Economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co ministro de Economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo
  • Francisco Conde asistiu tamén á celebración do Xº aniversario da Unión Mexicana de Empresarios Galegos
    Francisco Conde asistiu tamén á celebración do Xº aniversario da Unión Mexicana de Empresarios Galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Cidade de México, 17 de novembro de 2017.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co ministro de Economía do Goberno de México, Ildefonso Guajardo, con quen tivo a oportunidade de conversar sobre as relacións económicas que, actualmente, unen ambos os dous países. A xuntanza, en palabras de Conde, foi unha oportunidade para intercambiar e avaliar a situación das relacións comerciais e de investimento entre Galicia e México e para poñer en común a importancia de seguir fortalecéndoas.

O titular de Economía explicou que no encontro identificáronse sectores de colaboración de cara ao futuro, “non só no sector da automoción, onde hai investimentos importantes de empresas galegas en México, senón tamén noutros ámbitos distintos como o contract, onde hai grandes oportunidades de colaboración tanto no eido das exportacións como dos investimentos”.

México ten unha sólida reputación en sectores como a automoción, o eléctrico-tecnolóxico, o químico ou o aeroespacial. De feito, é o país con maior investimento en manufactura aeroespacial e o sexto que máis destina a I+D+i. Son sectores, subliñou Conde, que xa contan cun alto nivel de automatización, pero o Goberno mexicano quere agora afondar nesta estratexia e impulsar a dixitalización en todo o seu tecido industrial apoiándose, tamén, na colaboración público-privada.

O titular de Economía asegurou, en referencia á automoción, que na reunión avaliáronse os novos investimentos de Viza en México, salientando que esta empresa está permitindo “consolidar a posición do sector da automoción galega e a colaboración entre Galicia e México”.

Conde, ademais, asegurou que o obxectivo da Xunta é axudar a que o tecido empresarial galego poida consolidar novas vías de crecemento no estranxeiro; ben sexa exportando os seus produtos ou implantándose en novos mercados.

México, dixo, é xa un destino consolidado no mapa das exportacións galegas, polo que considerou importante intensificar as canles de diálogo institucional para acadar novas oportunidades de investimento mutuo en sectores estratéxicos para ambos os dous países. Neste sentido, o conselleiro expuxo na xuntanza as vantaxes administrativas e fiscais que a Lei de implantación empresarial pon ao alcance das empresas interesadas en investir en Galicia. Unha lei que nos identifica como unha Comunidade que tende pontes ao investimento, abondou.

Outro dos aspectos que se abordaron foi como a industria galega e mexicana están afrontando os retos da dixitalización e as perspectivas de colaboración neste eido. Segundo sinalou o conselleiro, o encontro foi unha oportunidade para poñer en valor todos os avances que Galicia xa leva feito ao respecto. Así, mencionou as follas de ruta coas que conta a Xunta para apoiar a transformación dixital da industria e as pemes galegas: a Axenda Industria 4.0, que contará neste bienio con 175 millóns de euros; e a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que está a mobilizar máis de 900 millóns en proxectos de innovación entre empresas e centros tecnolóxicos.

De igual xeito, salientou algúns dos proxectos industrias que se están a desenvolver coa colaboración do Goberno galego e nos que participan empresas como PSA, que deseña en Galicia o seu modelo de coche autónomo; Johnson&Johnson e a Fundación Kertor, que traballan na primeira incubadora de fármacos en España; ou Indra e Babcock, que lideran no polo aeronáutico de Rozas a aplicación de avións non tripulados a determinados servizos públicos.

X Aniversario de Umegal
Na segunda xornada de estancia en México, Conde participou tamén na celebración do X aniversario da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal) onde, dixo, están as e os mellores embaixadores de Galicia en México.

Conde transmitiulles unha mensaxe de felicitación en nome de toda Galicia e todo o Goberno galego e emprazounas e emprazounos a seguir traballando “en rede” para que as empresas xa instaladas no país presten a súa experiencia e o seu coñecemento sobre o mercado mexicano a aquelas outras interesadas en chegar ata el.

Segundo dixo, o traballo das empresarias e os empresarios galegos afincados en México é o que dá unha maior visibilidade aos nosos produtos, á nosa forma de traballar, e á calidade e á fiabilidade que definen a industria galega. Abre moitas portas ao tecido empresarial galego que quere crecer cara ao exterior e conquistar novos mercados, e, ao mesmo tempo, é o mellor reclamo para atraer investimento cara a Galicia.

“O que hoxe se coñece no mundo como a Marca Galicia —subliñou—, é posible grazas ao traballo de todo o tecido empresarial galego; ao seu esforzo por innovar e por internacionalizarse”, concluíu.

Pola súa banda, o embaixador de España en México, José Luis Fernández-Cid, indicou no acto que “a visita do conselleiro permite impulsar a relación tan especial entre España e México, que se canaliza a través de Galicia, tanto no seu aspecto empresarial e industrial como no persoal e humano”. O presidente de Umegal, Antonio Cortés, agradeceu o interese da Xunta e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, por Umegal e, en xeral, polos galegos e as galegas que están en México.

Encontro institucional
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria pechará a súa axenda institucional en México cun encontro que manterá esta tarde co director xeral adxunto de Enerxías Renovables da Secretaría de Enerxía, Luis Alfonso Muñozcano. Con el conversará sobre as posibilidades que se abren para a industria de renovables ante a reforma enerxética que está levando a cabo este país e o investimento previsto en infraestruturas eléctricas.

615 lecturas