A Xunta convoca cen bolsas para atraer á Galicia territorial os currículos universitarios máis brillantes do exterior

A mocidade galega con titulación universitaria residente no estranxeiro pode optar ás ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración.

Os primeiros beneficiarios e beneficiarias iniciarían os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas este mes de setembro.

  • O presidente Feijóo anunciando esta mañá as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
    O presidente Feijóo anunciando esta mañá as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
  • O presidente Feijóo anunciando esta mañá as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
    O presidente Feijóo anunciando esta mañá as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017.

O Consello da Xunta aprobou esta mañá a convocatoria, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, das novas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, coas que o Goberno galego posibilitará que cen tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

A iniciativa será xestionada por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento inicial por curso académico desta iniciativa é de 1.000.000 de euros.

As persoas beneficiarias da iniciativa deben ser galegas por nacemento ou descendente por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitidas na pre inscrición dalgún dos másters das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.

A idea do Goberno galego é axilizar o proceso de convocatoria, de maneira que a selección entre as e os solicitantes se realice canto antes e, así, os primeiros beneficiarios e beneficiarias desta novidosa iniciativa comecen os seus estudos este mesmo mes de setembro, coincidindo co inicio da maioría dos másteres das universidades.

4312 lecturas