A Xunta aumenta de 70.000 a 170.000 euros a partida destinada a axudas para persoas emigrantes retornadas

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nunha foto de arquivo.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nunha foto de arquivo.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2013.

A Secretaría Xeral de Emigración convocou as axudas para que as e os emigrantes poidan facer fronte aos gastos derivados do seu retorno a Galicia, a dotación total da cal aumenta de 70.000 euros o ano pasado aos 170.000 euros desta convocatoria, segundo figura na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Estas axudas de carácter extraordinario contan cunha liña para asistir de forma xenérica no retorno as e aos emigrantes galegos e galegas e  ás e aos seus familiares e outra específica para afrontar gastos de traslado de enxoval, da viaxe de volta e de tradución e legalización de documentos. Ambas as dúas liñas asistenciais son compatibles entre si.

Segundo os datos solicitados por Emigración entre 2009 e 2012 e recollidos por Europa Press, as e os emigrantes que volven a Galicia que se acollen a este tipo de axudas adoitan proceder, en máis dun 60 por cento dos casos, de Cuba.

Pola súa parte, nun 25 por cento dos casos, as persoas beneficiarias proceden de Venezuela, Arxentina e Uruguai, os países que precisamente contan con maiores colonias da diáspora galega. Entre as peticións formuladas chegaron mesmo de lugares como unha procedente das Illas Mauricio.

Trámites
A presentación de solicitudes poderá realizarse ata o 30 de setembro e poderán optar ás axudas as persoas con cidadanía española que viviron no estranxeiro e que, antes de emigrar, a súa última residencia foi en Galicia ou as e os emigrantes naturais desta comunidade, así como os seus e as súas familiares máis próximos.

Os requisitos para beneficiarse destas axudas son residir no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores ao retorno e traballar no exterior durante un mínimo dun ano.

No caso das persoas que accedan á nacionalidade española, deberán acreditar que ese período de traballo sexa posterior á data de acceso á cidadanía. Non obstante, estarán eximidas deste requisito as persoas maiores de 65 anos ou as persoas cunha minusvalidez recoñecida nun grao superior ao 65%.

 

Fonte: EuropaPress.es

1094 lecturas