A Xunta amplía con incentivos específicos para persoas emigrantes retornadas as axudas xerais para promocionar o emprego autónomo e a contratación indefinida de traballadoras e traballadores

A contía pode chegar, no caso de galegas e galegos residentes no estranxeiro que regresen á comunidade autónoma, ata os 8.000 euros. 

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria está dirixida a autónomas e autónomos ou traballadores e traballadoras por conta propia que se dean de alta entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018.

Ademais de incentivar o autoemprego, a orde fixa axudas de ata 14.000 euros pola contratación indefinida de traballadoras e traballadores durante os primeiros tres anos de actividade.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2018.

A Xunta de Galicia amplía ás e aos emigrantes retornados as axudas xerais que presta para a promoción e consolidación do emprego autónomo, así como as que concede a traballadoras e traballadores autónomos pola contratación indefinida de persoas asalariadas. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) na Orde do 15 de decembro de 2017, que regula as bases dos dous programas que inclúe esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

Na primeira liña de axudas as e os beneficiarios serán aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade dun colexio profesional, entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018, ambos inclusive, como titular do negocio ou explotación. As contías oscilan entre os 2.000 euros do caso das persoas desempregadas en xeral e os 8.000 que constitúen a cifra máxima. No caso de ser menores de 30 anos, persoas desempregadas de longa duración ou persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, a cantidade aumentará en 4.000 euros; mentres que as mulleres, as e os maiores de 45 anos, as e os emigrantes retornados e aquelas e aqueles traballadores autónomos que instalen o seu centro de traballo nun concello rural poden ver incrementadas as axudas ata nun 25% por cada un dos supostos.

Os tres primeiros contratos indefinidos
O Programa II, pola súa banda, está dirixido ás traballadoras e traballadores autónomos ou profesionais que realicen unha contratación con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade. A axuda aplicarase ás primeiras tres contratacións indefinidas que se leven a cabo durante os tres anos iniciais de actividade do negocio ou explotación. 

Pola primeira ou o primeiro traballador o autónomo percibirá contías que irán dos 3.000 aos 5.000 euros, mentres polas ou polos dous seguintes a cifra poderá incrementarse ata 7.000 euros se os beneficiarios e beneficiarias do contrato son persoas desempregadas de longa duración, con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social. No caso de que estas persoas empregadas sexan mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou teñan o centro de traballo nun concello rural, a cifra poderá aumentar nun 25% adicional por cada un dos supostos. É dicir, pola contratación indefinida do primeiro traballador, a persoa autonóma ou profesional por conta propia poderá percibir un máximo de 10.000 euros; e pola do segundo e terceiro, ata 14.000 euros. 

955 lecturas