A Xunta acorda unha alianza empresarial entre o estado brasileiro de Pernambuco e Galicia para impulsar os intercambios comerciais

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, pechou a súa viaxe a Brasil impulsando un acordo coa Axencia de Desenvolvemento Económico de Pernambuco para promover relacións comerciais entre empresas do naval, TIC, auxiliar da automoción e enerxías renovables de ambos lados do Atlántico.

Este protocolo súmase ao impulsado o pasado martes co Goberno de Río de Xaneiro, que tamén busca intensificar as exportacións de Galicia ao país sudamericano.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, pechou a súa viaxe a Brasil impulsando un acordo coa Axencia de Desenvolvemento Económico de Pernambuco
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, pechou a súa viaxe a Brasil impulsando un acordo coa Axencia de Desenvolvemento Económico de Pernambuco
Listen to this page using ReadSpeaker
Recife (Brasil), 5 de setembro de 2014.

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, e o presidente da Axencia de Desenvolvemento económico de Pernambuco (AD DIPER), Jenner Guimaràé do Rego, acordaron impulsar unha alianza empresarial entre Galicia e este Estado do Brasil para impulsar os intercambios comerciais. A este protocolo de colaboración súmase o impulsado o pasado martes polo Igape co Goberno do Estado de Río de Xaneiro.

O acordo co que se pecha o periplo de Javier Aguilera en Brasil apunta que os gobernos de Pernambuco, a través de AD DIPER, e de Galicia, a través do Igape, comprométense a colaborar e impulsar accións conxuntas para poñer en contacto empresas e aproveitar as oportunidades de negocio que ambas rexións poidan ofrecer.

En concreto, este acordo de colaboración facilitará encontros sectoriais bilaterais, así como o intercambio de información para identificar oportunidades de negocio e alianza empresarial en sectores de actividade económica prioritarios para ambas rexións como o naval, o loxístico portuario, o das TIC, o auxiliar de automoción ou o de enerxías renovables.

Despois dos encontros desenvolvidos nos estados de Río de Xaneiro e Pernambuco, nos que estivo acompañado polo director de internacionalización do Igape, Abel Veiga, o director xeral do Igape, Javier Aguilera, mostrouse convencido de que “estamos na mellor disposición para promover e facilitar novas oportunidades de negocio e alianza para que o tecido empresarial galego siga a medrar nun mercado tan importante como o brasileiro”.

Ademais de impulsar protocolos de colaboración cos Estados de Río de Xaneiro e Pernambuco, Aguilera Navarro mantivo tamén reunións de traballo con representantes da Federación de Industrias de Río de Janeiro (FIRJAN), da Asociación brasileira da industria de máquinas e equipamentos (ABIMAQ), do Sindicato Nacional da Industria da construción e da reparación naval (SINAVAL) e da Axencia de desenvolvemento de Goiana (AD GOIANA). Tamén visitou Porto Suape, unha das áreas loxísticas e industriais máis dinámicas do Brasil.
Os obxectivos da misión institucional e empresarial encabezada por Javier Aguilera son consolidar as relacións económicas xa existentes entre Galicia e Brasil, e localizar novas oportunidades de negocio e colaboración empresarial que permitan seguir incrementando as exportacións cara a este mercado. A Brasil exportaron en 2013 preto de 300 empresas galegas, un 17% máis que no exercicio anterior.

809 lecturas