Turismo de Galicia impulsa a posta en funcionamento dun punto informativo no Centro Galego de Barcelona, en plena Rambla

Galicia contará así cun punto de divulgación nun enclave privilexiado, froito da colaboración cunha comunidade galega. 

Centro Galego de Barcelona (Fonte: Google Maps)
Centro Galego de Barcelona (Fonte: Google Maps)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2017.

O Consello da Xunta aprobou, na súa xuntanza desta semana, o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Centro Galego de Barcelona en virtude do cal se acondicionarán espazos para pór en funcionamento un punto informativo do destino Galicia.

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia financia os custos destas obras, que se realizarán en diferentes zonas da sede desta asociación, situada no  piso do Conde Güell en Barcelona, un edificio emblemático localizado en plenas Ramblas. A instalación deste punto informativo do destino Galicia incrementará e mellorará a promoción da comunidade galega no enclave turístico máis relevante de toda Cataluña.

Un mercado, o catalán, que nos primeiros meses deste ano se situou como o quinto mercado nacional por orde de importancia, supoñendo unha cota de preto do 6 %, con preto de 100.000 viaxeiras e viaxeiros aloxados e máis de 188.000 pernoitas.

Promoción de Galicia
Este convenio enmárcase no traballo da Administración autonómica por impulsar a promoción turística galega nos mercados nacionais e internacionais, un traballo incluído na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Trátase da folla de ruta do turismo galego elaborada co sector coa que se está a acompañar o crecemento sustentable do número de viaxeiras e viaxeiros da man da calidade, coa intención de consolidar Galicia como un destino tranquilo cunha oferta especializada e diversificada.

Con esta actuación, a Xunta de Galicia pon en valor unha infraestrutura que é xa un importante punto de encontro para a comunidade galega en Cataluña e desde onde foméntase o coñecemento de Galicia, da súa xente, cultura, lingua, gastronomía e turismo. O Centro Galego de Barcelona, fundado en 1892, conta cunha importante raizame histórica.

321 lecturas