A terceira edición do ‘Buenos Aires Celebra Galicia’ coincidirá coa feira do libro dedicada a Santiago de Compostela

Así llo confirmaron as novas autoridades da Cidade de Bos Aires ao secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

A capital arxentina acollerá o vindeiro 23 de abril ambos eventos –se ben a Feira prolóngase desde o 21 de abril ata o 9 de maio-, distintos pero complementarios, nos que as comunidades galegas residentes alí serán as principais protagonistas.

  • De esquerda a dereita: López Dobarro, Rodríguez Miranda, Pamela Malewicz, e Adrián Varela
    De esquerda a dereita: López Dobarro, Rodríguez Miranda, Pamela Malewicz, e Adrián Varela
  • Reunión coas colectividades galegas. Segundo pola dereita, Rodríguez Miranda
    Reunión coas colectividades galegas. Segundo pola dereita, Rodríguez Miranda
  • Foto de arquivo da última edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’, co vicepresidente Rueda de costas
    Foto de arquivo da última edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’, co vicepresidente Rueda de costas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entrevistouse coa nova subsecretaria de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural da capital arxentina, Pamela Malewicz, nun encontro no que tamén estiveron presentes o novo director xeral de Colectividades do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires, Adrián Varela, e o delegado da Xunta na megalópole, Alejandro López Dobarro.

Como resultado da xuntanza -na que os representantes da Xunta transmitiron ás novas autoridades porteñas o agarimo de todo o pobo galego pola cidade na que residen máis paisanos  e paisanas da diáspora- fixouse o 23 de abril como data para a terceira edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’, de maneira que coincida coa Feira do Libro da capital, que neste ano se dedica a Compostela, e que terá lugar desde o 21 do citado mes e ata o 9 de maio.

Rematada esta xuntanza, Miranda acudiu a un novo encontro, precisamente cos representantes das comunidades galegas integrantes da organización do evento, para trasladarlles a devandita decisión. Nas dúas primeiras ocasións, a data centrada en Galicia acadou respectivas marcas máximas de participación de entre tódalas distintas edicións do  ‘Bos Aires celebra’, superando as montaxes de países enteiros, tanto europeos como americanos. Decenas de miles de persoas acudiron ao longo da xornada festiva á Avenida e Praza de Maio a gozar das expresións culturais e festivas de toda Galicia.

A perfecta organización do evento e o seu éxito entre o público xeral sorprendeu mesmo ás autoridades locais e ás e aos propios bonaerenses sen vinculación algunha con Galicia, espallando así unha imaxe moderna e real da terra da que procede a maior colectividade foránea residente na Arxentina. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), nese país residen 168.263 galegas e galegos, dos que 122.493 (é dicir, o 72’66 %) naceron xa na diáspora, segundas e terceiras xeracións que, sen embargo, manteñen viva e forte a súa vinculación coa terra de orixe.

O secretario xeral da Emigración reuniuse finalmente co embaixador español nesta República, Estanislao de Grandes, con quen repasou a actualidade das comunidades galegas e españolas na Arxentina.

1028 lecturas