A Tarxeta Benvida beneficiou entre 2016 e 2017 a máis de 30.000 nenos e nenas galegos

Ábrese ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018.

Amplíase este ano ata os tres anos da ou do cativo ou para as familias que máis o necesitan.

A Xunta estima que será percibida por 8 de cada 10 familias galegas con fillas e fillos pequenos.

  • O vicepresidente da Xunta anunciou que se estende ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018
    O vicepresidente da Xunta anunciou que se estende ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018
  • O vicepresidente da Xunta anunciou que se estende ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018
    O vicepresidente da Xunta anunciou que se estende ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, realizou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un balance dos dous primeiros anos da Tarxeta Benvida, que beneficiou entre 2016 e 2017 ás familias de máis de 30.000 nenas e nenos galegos cunha axuda económica de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do cativo.

En concreto, o primeiro ano concedéronse 15.112 axudas para 14.787 familias, mentres que o segundo un total de 14.923 para 14.759 familias –nalgúns casos correspóndense con partos ou adopcións múltiples–. Nestes dous anos, a porcentaxe de solicitudes aprobadas superou o 93,3%.

Pero ademais, Rueda salientou que a Tarxeta Benvida se amplía este ano ata os tres anos do cativo ou cativa para as familias que máis o necesitan. Deste xeito, o primeiro ano mantéñense os 1.200 euros da axuda, que pasan a distribuírse en dous pagamentos anuais. Para que unha familia poida ser beneficiaria, concretou, a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per cápita.

Pola súa banda, durante o segundo e terceiro ano ábrese a axuda para as familias cunha renda anual igual ou inferior aos 22.000 euros coas seguintes contías: 600 euros anuais –50 ao mes– para a primeira ou primeiro fillo; 1.200 euros anuais –100 ao mes– para o segundo; e 2.400 euros anuais –200 ao mes– para o terceiro e sucesivos. Nestes casos, as achegas realizaranse en pagamentos anuais sucesivos.

Nesta mesma liña, destacou que este mesmo ano, no marco da Estratexia Retorna 2020, abriuse esta axuda ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia este 2018. “Aínda que o fillo naza antes do retorno, o prazo de dous meses para solicitar a Tarxeta comezará a partir do regreso, non a partir do nacemento do neno”, precisou.

O vicepresidente da Xunta estima que a Tarxeta Benvida será percibida por 8 de cada 10 familias galegas con fillas ou fillos pequenos. “Cada ano, uns 15.000 nenas e nenos se beneficiarán desta axuda, igual que nestas dúas últimas anualidades, e estímase que 9.000 familias poidan recibila ata que se cumpran os tres anos”, explicou, xusto antes de lembrar que o Goberno galego destinará este ano 36 millóns de euros ás familias que teñan dereito á Tarxeta Benvida.

Plan de apoio á natalidade
En concreto, esta medida forma parte do Plan de apoio á natalidade, que inclúe outras medidas como o Bono Coidado; as deducións fiscais por nacemento ou adopción; a prestación de pagamento único por fillas ou fillos menores de 3 anos; a exención do pago en escolas infantís para o segundo fillo ou filla que vaia ao mesmo centro nas familias con menores rendas; e, de cara ao vindeiro curso, unha nova bonificación nas taxas das escolas infantís do 25% para o segundo fillo ou filla e do 50% para o terceiro ou terceira e sucesivos.

Así mesmo, Rueda referiuse ao aumento constante de prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos desde o ano 2009. Así, pásase de 12.700 a 24.081, un incremento do 89,6 por cento, un incremento que responde a medidas innovadoras como o Bono Concilia e as axudas para implantar escolas infantís nos polígonos industriais.

Como resultado, engadiu o vicepresidente, a ratio de cobertura de escolas infantís para nenas ou nenos de 0 a 3 anos estará o curso que vén no 41,3%, amplamente por riba do mínimo que recomenda a Unión Europea, que é do 33%.

245 lecturas