A Secretaría Xeral da Emigración volve apostar polo emprendemento das e dos galegos retornados con 200.000 euros en axudas

O DOG publica hoxe a sexta convocatoria deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de setembro.

As subvencións a fondo perdido que concede o Goberno galego permitiron facer realidade 87 proxectos empresariais desde a súa posta en marcha, en 2013.

A iniciativa permite dar contías de ata 10.000 euros para fomentar o autoemprego entre os galegos e as galegas do exterior que regresen a Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración volve apostar polo emprendemento das e dos galegos retornados con 200.000 euros en axudas
A Secretaría Xeral da Emigración volve apostar polo emprendemento das e dos galegos retornados con 200.000 euros en axudas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria das Axudas ás e aos Retornados Emprendedores, que este ano alcanzan a súa sexta edición. Ao longo destes cinco anos a Secretaría Xeral da Emigración fixo posible a realización dun total de 87 proxectos empresariais dos 118 que se presentaron. Para este exercicio 2018 o departamento autonómico volve apostar polos galegos e as galegas do exterior que queren regresar a Galicia a emprender cunha nova partida de 200.000 euros destinada a cubrir ata o 80 % dos gastos correntes da empresa cun máximo de 10.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de setembro.

A este programa da Xunta de Galicia poderán acollerse as galegas e os galegos de nacemento, as e os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e as e os descendentes das persoas galegas e nacidas en Galicia ata o segundo grao de consanguinidade que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega. Este ano as Axudas ás e aos Retornados Emprendedores diríxense, ademais, especificamente aos beneficiarios e beneficiarias dalgunha das cen Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que cada ano concede a Secretaría Xeral da Emigración e cuxa segunda convocatoria permanece aberta ata o vindeiro 31 de maio.

Requisitos para optar ás axudas
As persoas solicitantes deberán, ademais, estar en posesión da nacionalidade española antes do seu retorno a España, que debeu producirse nun máximo de dous anos anteriores á data de presentación da solicitude. Deberán residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional en Galicia e non ter sido beneficiarias desta axuda para a mesma actividade en anteriores convocatorias. En caso de tratarse de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado, deberán ser titulares dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens constituída previamente á presentación da solicitude de subvención e estar dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda con anterioridade á presentación da solicitude.

As persoas socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, pola súa banda, terán que ter entidades legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia e afiliadas á Seguridade Social, así como cada un dos seus traballadores e traballadoras.

Gastos correntes subvencionables
As Axudas ás e aos Retornados Emprendedores cubrirán os gastos subvencionables, é dicir, aqueles gastos de establecemento relacionados coa actividade, tales como gastos de notaría e rexistro, cursos técnicos específicos, subscricións, cotas de participación en asociacións empresariais ou profesionais e gastos de colexiación, servizos de profesionais (legais, asesoría, xestoría, consultoría, enxeñaría, arquitectura, auditoría...), servizo de prevención alleo do local e de seguridade, tributos, licenzas administrativas, gastos derivados do deseño, desenvolvemento, mantemento e soporte da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas en liña, posicionamento web, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento e limpeza de local, arrendamento de maquinaria e de vehículos, arrendamento e mantemento de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, gas, auga, electricidade, telefonía e Internet...), xerados nos tres meses anteriores á alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. Quedan excluídos os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.

Medidas doutros departamentos do Goberno galego
Ademais deste programa propio da Secretaría Xeral da Emigración, o Goberno galego está a fomentar, a través dunha estratexia transversal na que están implicados outros departamentos autonómicos, tanto a contratación de traballadoras e traballadores coma a creación de autoemprego para persoas emigrantes galegas retornadas. Aos dous programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que regulan as axudas para impulsar o inicio da actividade para autónomos e autónomas e as destinadas a favorecer a contratación indefinida de traballadoras e traballadores en 190 empresas de autónomos e autónomas hai que engadirlles as axudas que concede para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación. Tamén o programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria aumenta a contía dos beneficios no caso de tratarse de emigrantes galegas e galegos retornados, colectivo ao que se presta especial atención tamén noutras iniciativas do Goberno galego tanto de carácter social, como a Tarxeta Benvida, como económica e laboral.

481 lecturas