A Secretaría Xeral da Emigración prevé pechar o ano co 98% do orzamento executado

O departamento autonómico incrementou as súas liñas de fomento do retorno, que recibiron un investimento de 1,2 millóns de euros.

A Secretaría Xeral da Emigración destinou un total de 1,8 millóns de euros ás galegas e aos galegos de Venezuela, tanto residentes como retornados.

Foto de familia das e dos participantes na reunión da Comisión Delegada do CCG, que se celebra hoxe e mañá na localidade ourensá de Celanova
Foto de familia das e dos participantes na reunión da Comisión Delegada do CCG, que se celebra hoxe e mañá na localidade ourensá de Celanova
Listen to this page using ReadSpeaker
Celanova (Ourense), 12 de decembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou esta mañá o balance das actuacións levadas a cabo polo seu departamento en 2017 ante os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, cuxa presidencia ostenta o máximo responsable do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a xornada inaugural da súa xuntanza anual. O cargo autonómico anunciou ante o órgano permanente de representación dos galegos e galegas residentes no exterior que ten previsto finalizar o exercicio co 98% do orzamento, que ascende a 8.755.873 euros, executado.

O repaso ás principais liñas de actuación por parte dos diferentes responsables da Secretaría Xeral da Emigración constatou, así mesmo, a clara aposta do Goberno de Galicia por facilitar o retorno a aquelas e aqueles emigrantes e as e os seus descendentes que están pensando en emprender o regreso á súa terra de orixe a través de diversos programas nos que investiu un total de 1,2 millóns de euros. Así, ao de axudas extraordinarias ao retorno e ao de axudas ao retorno emprendedor sumouse en 2017 unha proposta novidosa que está a despertar unha crecente interese entre a poboación nova do exterior: as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), á que o departamento autonómico destinou 500.000 euros este exercicio. Ás cen prazas que saíron na primeira convocatoria presentáronse 184 solicitudes de doce países diferentes.

Garantir o benestar das e dos residentes no exterior
Outra das prioridades do Goberno galego de cara á emigración en 2017 fixouse en mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas residentes no exterior con necesidades máis urxentes. Ao igual que no caso dos programas de retorno, tamén neste eido as venezolanas e venezolanos convertéronse no principal grupo destinatario das axudas. Á asistencia en forma de medicamentos sumáronse outras individuais e de emerxencia social que, en conxunto, elevaron o investimento da Xunta de Galicia para garantir o benestar das e dos galegos de Venezuela, tanto residentes no país suramericano como retornados e retornadas, ata 1,8 millóns de euros.

Esta cifra foi posible grazas, entroutras medidas, á ampliación por dúas veces (en setembro e novamente en decembro) da partida destinada a axudas extraordinarias a persoas retornadas, prevista inicialmente en 200.000 euros. Ao final do exercicio esta cantidade terase incrementado ata os 610.000 euros.

Atribucións e composición
Os membros da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas recibiron, por outra banda, información actualizada sobre as atribucións que o Decreto 11/2015, de 6 de agosto, lles atribúe. Este órgano permanente de representación da emigración está integrado por catorce membros en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Deles, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos.

A que deu comezo esta mañá é, ademais, a primeira reunión da nova Comisión Delegada logo da súa renovación no plenario do Consello celebrado en maio de 2016 en La Habana (Cuba). A actual está composta polo Centro Gallego de Salamanca, a Unión de Sociedades Galegas de Cataluña, o Lar Gallego de Sevilla e a Agrupación Hijos de Galicia en Sestao na demarcación española. A europea estará integrada polo Centro Cultural Galego de Cuxhaven de Alemaña, a Asociación Cultural “As Xeitosiñas” de Zürich de Suíza, o Centro Galego de Londres e a Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa.

A diáspora en América está representada pola Sociedad Cultural Rosalía de Castro de Cuba, a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires, a Unidad Gallega de los Estados Unidos de Nova York (finalmente o seu representante non puido asistir, polo que foron 13 as entidades presentes) e o Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo. Son membros natos a Casa Galicia de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

Clausura no Mosteiro
As xornadas clausuraranse mañá, pero antes as e os membros da Comisión Delegada terán ocasión de coñecer a proposta da Secretaría Xeral da Emigración para o Plan Estratéxico 2017-2020 co fin de que fagan as súas aportacións de cara ao documento definitivo.

533 lecturas