A Secretaría Xeral da Emigración difunde os programas de fomento retorno en puntos chave da colectividade galega de Europa

O secretario xeral da Emigración impartirá sesións informativas en Berlín, Núremberg e Londres, mentres o subdirector xeral de Xestión Económico-administrativa e do Retorno farao en París, Bonn e Xenebra.

O responsable autonómico aproveitará a súa viaxe á capital alemá para reunirse co titular da Consejería de Empleo y Seguridad Social, Ricardo Fernández Fidalgo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018.

A Secretaría Xeral da Emigración inicia esta tarde un percorrido por varias das principais cidades europeas co obxectivo de difundir os diferentes programas que o Goberno galego ten deseñado para facilitar o retorno das galegas e galegos do exterior, tanto ás e os emigrantes como as e os seus descendentes xa nados nos países de destino. Todas estas medidas están englobadas na Estratexia Retorna 2020, que o Consello da Xunta vén de aprobar esta mesma mañá.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, impartirá as sesións informativas que se desenvolverán en Berlín, Núremberg e Londres, mentres o subdirector xeral de Xestión Económico-Administrativa e Retorno, José Carlos García Bouzas, encargarase de divulgar toda a información correspondente a este máis de medio cento de medidas en París, Bonn e Xenebra.

A poboación galega residente nestes países roza as 100.000 persoas (91.689 exactamente), das que 75.442 teñen menos de 64 anos. Do total de emigrantes galegas e galegos nacidos en Galicia e as e os seus descendentes que residen nestas cinco rexións de Europa, 17.227 fano en Alemaña, 18.979 en Francia, 14.369 no Reino Unido e 41.114 en Suíza. De aí a importancia tanto destas charlas informativas como da colaboración das entidades galegas coa Xunta de Galicia, exercida de xeito cotiá polas comunidades como centro de referencia dos galegos e galegas en toda Europa, na divulgación destes programas.

Reunións institucionais
Miranda aproveitará a súa viaxe á capital alemá para reunirse co titular da Consejería de Empleo y Seguridad Social, Ricardo Fernández Fidalgo, entre outros representantes do goberno español no exterior, dentro do seu percorrido polos diferentes países.

As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), as Axudas ao Retornado Emprendedor, e as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado son algunhas das medidas existentes, que se suman a outras ducias de iniciativas novidosas froito da estratexia transversal deseñada polo Goberno galego.

535 lecturas