A Secretaría Xeral da Emigración amplía noutros 210.000 euros a partida para satisfacer as solicitudes xa presentadas de axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas

O prazo de solicitude de axudas pechouse o pasado 31 de agosto con 470 peticións. 

Trátase do segundo incremento para esta partida de 2017, que eleva a dotación total a 610.000 euros. 

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución pola que a Secretaría Xeral da Emigración, dirixida por Antonio Rodríguez Miranda, amplía noutros 210.624 euros as axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas. Trátase do segundo incremento experimentado por esta partida no que vai de ano, e que eleva a cantidade total ata os 610.624 euros. A primeira publicouse o pasado 14 de setembro e supuxo unha ampliación de 200.000 euros sobre os 200.000 que xa figuraban nos orzamentos deste departamento autonómico.

Estes incrementos buscan dar reposta á crecente demanda de cidadás e cidadáns galegos e descendentes de galegos residentes no exterior que regresaron a Galicia, un grupo no que destacan as galegas egalegos de Venezuela. Son cada vez máis as e os que, expostos unha situación que se agrava por momentos, regresan á súa  comunidade de orixe. 

Solicitudes en tramitación
O prazo de solicitude destas axudas pechou o 31 de agosto, e presentáronse un total de 470 peticións que se están tramitando. A Resolución do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas establece que o seu importe poderá ser ampliado de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. 

1010 lecturas